Volver

'Divinas palabras', única produción propia do CDG para a temporada 2017-2018

O CDG presenta a programación para a temporada 2017-2018, na que se desenvolverán tres novas coproducións. Xesús Ron, que dirixirá 'Divinas palabras' con tan só nove intérpretes, aproveitou a presentación para falar da situación "debilitada" do CDG e da necesidade dun "pacto" para o futuro.

“O Centro Dramático Galego está moi debilitado, os anos non pasaron ben por el”. “Precisa un pacto para que o CDG represente verdadeiramente que é o teatro galego”. Non o está a facer axeitadamente”. “Nós entendemos esta institución como casa común para os profesionais, pero tamén para a parte política e a sociedade”. Con estas palabras, Xesús Ron analizou a situación da entidade pública de teatro durante a presentación da súa programación para a temporada 2017-2018. Unha programación que terá como gran protagonista Divinas Palabras, a única produción que desenvolverá o Centro Dramático Galego ao longo da temporada. Deste xeito, a dirección de Fefa Noia repetirá por segundo ano consecutivo o achegamento ao Valle-Inclán e a liña de traballo de emprender só unha montaxe propia por temporada. Nesta ocasión, será Xesús Ron quen dirixirá a peza, que se estreará o 12 de abril no Salón Teatro e que contará con Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés como protagonistas. Os sete membros restante do elenco coñecerase cando remate o proceso de selección emprendido pola administración.

Ron, ademais, lembrou que esta será a segunda colaboración de Chévere no Centro Dramático Galego, xa que dende que a compañía desenvolveu o Salomé de 1989, as traxectorias tanto do CDG coma da compañía transcorreron de xeito paralelo sen tocarse até agora. “Foi unha montaxe da etapa inicial do centro, realizada con precariedade”, rememorou Ron antes de advertir de que no futuro o CDG ten que mudar a súa situación xurídica e contar cuns orzamentos propios.

Pola súa banda, Fefa Noia cualificou a futura Divinas Palabras como o xeito de saldar “unha débeda enorme con Valle-Inclán” do teatro galego en xeral e do propio CDG en particular. En orixe, a institución ía iniciar en 1984 a súa andaina coa adaptación ao galego desta obra de Valle-Inclán, plan frustrado finalmente pola negativa dos herdeiros do dramaturgo a permitir a tradución á nosa lingua.

COPRODUCIÓNS

Noia detallou, ademais, o conxunto de actividades que desenvolverá a entidade que dirixe, principiando polas tres coproducións que se levarán a cabo nos vindeiros meses. A primeira delas será #camiños, unha obra de ButacaZero dirixida por Xavier Castiñeira e escrita por Esther Carrodeguas que versará, en palabras de Noia, sobre a entidade galega e o que significa ser galego/a no mundo actual. A montaxe estrearase o 25 de xaneiro con Noelia Blanco, Noa Covelo, Celina Fernández, Pia Nicoletti e a propia Carrodeguas formando o elenco.

A seguinte coprodución será Arnoia, Arnoia, o circo da casa pequena, de Piscatatro. A compañía referente de Novo Circo en Galicia contará con Quico Cadaval para dirixir esta peza que adapta un texto de Xosé Luís Méndez Ferrín. A estrea será o 11 de outubro de 2018.

A terceira coprodución da temporada será Anarquismos, proxecto creado e dirixido por Pablo Fidalgo e que contará co Teatro Municipal María Matos de Lisboa, o MARCO de Vigo, Proklama Atrium, TNT Terrassa e Teatro Rivoli do Porto como as outras entidades coprodutoras. A estrea, o 2 de novembro.

Por último, Noia anunciou que A Panadaría regresará coa coprodución Elisa e Marcela en outubro de 2018 tras o éxito no pasado outono no Salón Teatro nos días da súa estrea.

GRUPO DRAMATURXA E SEGUINTE PRODUCIÓN

Nesta temporada, o CDG porá en marcha coa colaboración da Asociación de Dramaturgas e Dramaturgos de Galicia Dramaturga o Grupo DramaturXa, que consistirá nun grupo de dez dramaturgos/as -escollidos a través dunha comisión formada por profesionais do sector- que se reunirán periodicamente durante seis meses baixo a coordinación de Manuel Lourenzo. O seu obxectivo será reflexionar sobre a identidade galega, co fin de desenvolver cada un dos integrantes do grupo unha peza teatral ao respecto. De entre esas dez obras, escolleranse tres para ser levadas a escena conxuntamente como unha nova produción propia do CDG sen data de estrea.

RESIDENCIAS

O programa de residencias desta temporada inclúe a participación dun total de seis compañías, das cales catro delas (Feira do Leste, Javier Martín, Anómico Teatro e Inversa Teatro) xa pasaron este outono polo Salón Teatro. Quedan pendentes as residencias de Voadora, que desenvolverá o seu proxecto Garaxe entre o 30 de xaneiro e o 2 de febreiro, e A Feroz, que fará o propio entre o 5 ao 8 de febreiro con Afterplay.

No acto de presentación, tamén participaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o sectreatrio xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil. Na súa intervención, o conselleiro sinalou o compromiso do CDG “de achegarlle o teatro á xente”, cuestión que definiu como “o reto máis importante”.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO