Volver

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia convoca os XXII Premios de Teatro María Casares

A AAAG inclúe modificacións nas bases co obxectivo de velar que todas as compañías participantes nos galardóns cumpran o Convenio de Actores e Actrices de Teatro de Galicia. O proceso de inscrición realizarase en exclusiva a través da aplicación en liña incluída na web da Asociación

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca os XXII Premios de Teatro María Casares, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro mércores 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017 e o prazo de inscrición iníciase este xoves 21 de decembro e pecha o 8 de xaneiro ás 15.00 horas. Ademais, a Xunta Directiva da AAAG inclúe nesta edición modificacións nas bases dos premios co obxectivo de velar que todas as compañías participantes nos María Casares cumpran co I Convenio de Actores e Actrices de Teatro de Galicia, que rexe as relacións laborais entre intérpretes e as empresas en vigor dende 2009. As bases completas dos galardóns pódense consultar na web da AAAG.

O proceso tanto de inscrición como de votación realizarase integramente a través da rede, a través da páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. A ferramenta de inscrición pódese atopar nesta ligazón, dentro da sección específica para os Premios de Teatro María Casares, que contén unha ampla base de datos dos espectáculos presentados ao longo das anteriores edicións e que irá incorporando as producións que se presenten a este galardón. No formulario, as compañías han de incorporar un programa, cartel e fotografías do espectáculo, ademais de indicar os seus candidatos nas diferentes categorías.

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, que se celebrará o 21 de marzo, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.