Volver

Discurso de Mabel Rivera nos Premios Cultura Galega

A nosa compañeira recibiu o galardón cunha intervención na que abordou a desigualdade no sector e as dificultades na distribución teatral.

Estou aínda sorprendida. Ben o sabe Román, que cando por fin demos falado, aló polo mes de setembro, pregunteille: “E isto por que, Román? Será por protestar, non?”. Non lle atopaba moita máis explicación. Contestoume moi amablemente, coma sempre. Díxome que se un protesta con argumentos e boas maneiras, benvida sexa a protesta. E velaí vai:

Os actores e actrices o único que temos, o único que podemos achegar, é o noso traballo. Cando traballamos dependemos da confianza que os demais poñen en nós, dependemos de que os demais nos outorguen a posibilidade de facer o noso traballo, a nosa interpretación, os nosos papeis.

Son actriz, son maior. As posibilidades de traballo de actrices non aguantan a comparación coa traxectoria dos nosos compañeiros actores. Os actores, a medida que van avanzando en idade, vanse rearmando de calidade e de excelencia á hora de facer os seus traballos. Nós tamén, nós actrices, mais a resposta que recibimos en forma de ofertas de traballo non aguanta unha comparación. A desigualdade existe. E está incluso cuantificada no noso oficio.

Fai moitísimos anos, tres actrices -Marisa Soto, Rosa Álvarez e eu mesma- vímoslle as orellas a ese lobo. Por iso creamos o que nese momento foi unha experiencia pioneira: unha compañía formada unicamente por actrices. Nin produtoras nin directora, só actrices. A nosa teima era non esperar a que nos chamasen a traballar. Buscamos crear nós mesmas as nosas propias condicións de traballo, as nosas posibilidades de traballar con continuidade, as nosas posibilidades de estar sobre o escenario o máximo tempo posible.

Estou falando do ano 1986, o Centro Dramático Galego (CDG) non levaba nin dous anos funcionando e estaba absolutamente todo por facer. Estaba nacendo o que nos pensabamos que era unha profesión que, co tempo, se había consolidar. Iso pensabamos nós naquel momento. Creo que ninguén das que alí estabamos podiamos contar co retroceso grave que se vén dando nos últimos anos. Non é simplemente cuestión dunha crise, é unha paralización absoluta. Sobre todo, a nivel da Rede de Teatros. Dáse un deterioro realmente espectacular: A falta de coordinación entre as temporadas de programación, a descoordinación mesmo das distintas administracións que programan e que están afectadas gravemente polos recortes económicos que existen.

E non se trata simplemente de cartos, non. Trátase de políticas, de políticas que poidan suplir as carencias e poidan potenciar unha actividade que foi pioneira co contacto directo co público e comprometida sempre con esta lingua. Fomos dos primeiros que nos comprometemos a facer teatro exclusivamente en galego.

Polo que a min respecta, pódovos dicir que dentro de tres días exactamente farei a última función do último espectáculo no que tiven a gran sorte de traballar: 'Voaxa e carmín'. Despois de tres semestres de programación, faremos a función numero 22. Teño escoitado que estamos nunha media que se pode considerar razoable. Non somos os que menos funcións estamos a facer.... E paréceme realmente desolador. Aínda non me atrevo a pasar por diante da estatua das Marías, porque sempre me protesta porque non as sacamos máis de paseo