Volver

AISGE ponlle cifras á desigualdade: tan só o 38% dos personaxes do cine feito no estado son mulleres

O departamento de Socios de AISGE publica un estudo sobre os desequilibrios entre homes e mulleres no audiovisual estatal. Baixo o título Estudio sobre la presencia de la mujer en las producciones españolas de ficción (2014-2015), o informe extrae datos estatístico tras analizar 301.912 personaxes masculinos e femininos dos 394 filmes e 16.377 episodios de series españolas emitidos nos tres últimos anos

O departamento de Socios de AISGE, entidade que xestiona os dereitos de propiedade intelectual de actores e actrices, vén de publicar un clarificador e amplo estudo sobre os desequilibrios entre homes e mulleres no audiovisual estatal. Baixo o título Estudio sobre la presencia de la mujer en las producciones españolas de ficción (2014-2016), o informe extrae datos estatístico tras analizar 301.912 personaxes masculinos e femininos dos 394 filmes e 16.377 episodios de series españolas emitidos nos tres últimos anos. O obxectivo da citada investigación céntrase en coñecer a importancia dos papeis femininos en pantalla e a idade das intérpretes que os encarnaron.

CINE

As 394 longametraxes españolas que se exhibiron en salas durante o referido período sumaron un total de 9.265 interpretacións e 82.127 secuencias. Destas dúas cifras, apenas un 38% de personaxes e un 37% das secuencias corresponderon ao longo do trienio a mulleres. Ademais, o desequilibrio de xénero é duplo, xa que ademais de se manifestar na cantidade de papeis, os femininos teñen unha menor relevancia. Neste senso, cómpre destacar que as mulleres tan só ocupan o 34% dos roles protagónicos, mentres que no caso dos secundarios, a súa presenza redúcese ao 40%, A distancia entre actores e actrices afecta de forma parecida as diferentes categorías do elenco dunha fita. Os personaxes femininos obteñen unha media do 36% en todos os rangos de relevancia.

O estudo, ademais, confirma a idea de que para que unha muller ocupe un posto destacado nun elenco, é preferible que sexa nova. No ano 2014, os datos demostran que nos 143 filmes dese exercicio contabilizáronse 85 protagonistas encarnados por menores de 35 anos. Os protagonismos reducíronse a menos da metade na franxa de entre 35 e 44, dos cales 28 foron masculinos e 14 femininos. Esa brecha acrecentouse na franxa de idade de 45 a 64 anos, de modo que 23 protagonistas eran homes e só cinco eran mulleres nesa mesma categoría. Se falamos do trienio ao completo, extráese que o 76% das intervencións protagónicas a partir dos 45 anos corresponde a homes. Se falamos do grupo superior aos 64 anos, a porcentaxe sobe até o 80%.

TELEVISIÓN

Os 16.380 episodios de series emitidos durante o período de 2014 e 2016 xeraron un total de 292.647 interpretacións de distinta relevancia. Desa cifra, o 44,7% dos traballos corresponderon a actrices, presentes nun 44% das secuencias. Dito doutro xeito, atopamos un personaxe feminino por cada 1,23 masculino. A brecha en comparación co cine é menor, pero tamén se produce un abismo na categoría de protagonistas absolutos (60% interpretados por varóns fronte ao 40% restante por mulleres).

Un dato relevante deste estudo no apartado televisivo ten que ver coas franxas de idade. Neste senso, resulta rechamante analizar que sucede cos protagonistas menores de 35 anos. Nesa franxa, son maioría as mulleres, que acaparan o 55% dos papeis, mentres que os homes asumen o 45% restante. Os datos contrastan co que acontece co abano de entre 35 a 44 anos. Nesa categoría, o 71% dos protagonistas son homes) e na de 45 a 64 anos, o 66% son homes.

Estes son algunhas das conclusións que se tiran do estudo, que se pode consultar integramente na web da AISGE.