Volver

Dúas lecturas dramatizadas dirixidas por Cristina Domínguez e Quico Cadaval

O mércores 8 de novembro ás 21.00 horas no edificio da Fundación SGAE, Cristina Domínguez dirixirá 'Atrevereime', texto de Teresa González Costa. O martes 14 de novembro, tamén no edificio da Fundación SGAE, Quico Cadaval dirixirá 'A Arañeira', texto de Raúl Dans.

Por iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) colabora coa Fundación SGAE na organización dúas lecturas dramatizadas en Santiago de Compostela dentro do XXI Ciclo de Lecturas Dramatizadas, promovido pola SGAE a nivel estatal e que ten como obxectivo promocionar os autores para a difusión das súas obras, así como apoiar os dramaturgos e estimular a creación. Ambas as dúas lecturas son de acceso gratuíto.

A primeira delas celebrarase o vindeiro mércores 8 de novembro ás 21.00 horas na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE (Rúa Salvadas, 2A). O texto escollido para a ocasión é Atrevereime, da dramaturga Teresa González Costa. A directora Cristina Domínguez encargarase da dirección dunha peza interpretada por Marián Bañobre, Ricardo de Barreiro, Victoria Pérez, Davide González e Roberto Leal.

A segunda das Lecturas Dramatizadas centrarase no texto A Arañeira, de Raúl Dans. Quico Cadaval será quen dirixa a sesión na que participarán Vicente Mohedano, Rebeca Montero e María Roja. A cita será o martes 14 de novembro ás 21,00 horas no mesmo recinto. As entradas para ambas lecturas son de balde.

ATREVEREIME

Atrevereime, escrita por Teresa González Costa, é unha traxicomedia que conta o debate interno de Remedios. Trátase dunha muller con vocación de artista que, non obstante, traballa como funcionaria da Oficina de Queixas, onde a rutina silencia súa propia voz.

Día: Mércores, 8 de novembro ás 21.00 horas.

Lugar: Sala Germán Coppini, Fundación SGAE (Rúa Salvadas, 2A. Santiago de Compostela)

Dirección: Cristina Domínguez

Intérpretes: Marián Bañobre, Ricardo de Barreiro, Victoria Pérez, Davide González e Roberto Leal.

A ARAÑEIRA

A Arañeira, texto de Raúl Dans, trata do que lle acontece a Adela, unha muller que leva aparentemente unha vida plena. De súpeto, unha descoñecida preséntase na súa casa da praia para contar o segredo sobre o que se fundamenta todo o seu mundo.

Día: Martes, 14 de novembro ás 21.00 horas.

Lugar: Sala Germán Coppini. Fundación SGAE (Rúa Salvadas, 2A. Santiago de Compostela)

Dirección: Quico Cadaval

Intérpretes: Vicente Mohedano, Rebeca Montero e María Roja.