Volver

Nieves Rodríguez, nova presidenta da AAAG

Etiquetas:

A AAAG celebrou eleccións á Xunta Directiva na asemblea do pasado domingo. Mabel Rivera repetirá como vicepresidenta e Iria Sobrado, como secretaria

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebrou o pasado domingo unha asemblea xeral para escoller a nova Xunta Directiva que, durante os dous próximos anos, encabezará a este colectivo sindical que aglutina a máis de 300 profesionais da interpretación e da dirección. Tras o escrutinio, resultou elixida como nova presidenta Nieves Rodríguez, que sucede no cargo a Ernesto Chao. Pola súa banda, Mabel Rivera repetirá na vicepresidencia e Iria Sobrado, na secretaría.

O conxunto da directiva, conformada por un total de 12 persoas, está integrada -ademais das tres actrices xa citadas- por Santi Romay, Laura Míguez, Machi Salgado, Sheyla Fariña, Diego Freire, Marta Lado, Martín Máez, Susana Sampedro e Toni Salgado.

Nieves Rodríguez é coñecida para o gran público polo seu traballo tanto como actriz como presentadora. No ámbito da interpretación, Rodríguez formou parte de elencos de series como Gondar, Rías Baixas ou Pazo de Familia e telemovies como Más que hermanos. Como presentadora, exerceu en programas como Luar, Desde Galicia para el mundo, O fío do retrato, Vaia Troula ou A tarde é nosa.