Volver

O Festival Galicreques ofrecerá máis de 40 funcións da man de 26 compañías de Galicia, España, Arxentina ou Francia

O Festival celebrará entre os días 14 e 22 a súa 22ª edición, convertendo Santiago de Compostela un ano máis en gran referente para o xénero escénico dos monicreques

O Festival Internacional Galicreques celebrará a súa 22ª edición entre o 14 e o 22 de outubro cunha ampla programación con máis de 40 funcións e que contará cun marcado carácter internacional ao traer a Compostela un total de 26 compañías procedentes de Arxentina, Chile, Francia ou Portugal, ademais de formacións galegas e do resto do estado español.

Así o adiantaron onte en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o director de Galicreques, Jorge Rey, quen destacou durante a súa intervención dúas novidades desta edición. A primeira é a aposta por incorporar un maior número de espectáculos destinados ao público xuvenil co obxectivo de crear novos públicos. A segunda é a inclusión de montaxes que non son de monicreques puros ao combinar o xénero dos bonecos co teatro de actor, a danza ou a música.

O Festival Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, a Axencia das Industrias Culturais (Agadic), o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE, inclúe este ano tres estreas absolutas dentro da súa programación. Deste xeito, a compañía galega Fantoches Baj dará a coñecer o domingo 15 ás 12.30 horas na Fundación SGAE a súa nova montaxe, Os golfiños e o xigante; a compañía madrileña Mazzú Teatro estreará a súa montaxe para público xuvenil Enredos de amor y odio o sábado 21 ás 18.00 horas tamén na Fundación SGAE e Títeres Cachirulo presentará na función inaugural do festival a súa montaxe Bala Perdida, adaptación do texto de Manuel Rivas, o domingo 15 ás 18.00 horas no Teatro Principal.

A programación internacional complétase cun total de sete espectáculos que chegan por primeira vez ao estado español. Así, o público do Galicreques coñecerá en primicia montaxes como Viento, dos arxentinos El Colectivo; Un botón en mi cabeza, dos chilenos Arriba Las Hu!manos; O día que a morte sambou, dos brasileiros Valeria &Habib; Historias con guante, da arxentina El Telón; Le fumiste, do francés Don Davel; Poeta Niña, da arxentina Gabriela González, e Peregrinación, dos portugueses La Fontana-Formas Animadas.

O teatro de títeres galego estará representado por un total de once formacións: Caramuxo Teatro, Larei Lará, Teatro Marionetas Trécola, A xanela do Maxín, Títeres Brincadeira, Danthea Teatro, Títeres Alakrán, Micromina, Fantoches Baj, Cachirulo e Carmen Domech. Todas estas compañías repartirán as súas obras entre o Teatro Principal, a Fundación SGAE e o CSC Santa Marta, as tres sedes que ocupará Galicreques nesta edición.

Pola súa banda, a compañía granadina Etcétera recibirá o próximo sábado 21 de decembro o Premio Galicreques 2017, galardón co que a organización recoñece a traxectoria e o traballo de difusión realizada por esta formación ao longo de 35 anos de vida. Etcétera Títeres recollerá a distinción no Teatro Principal antes do inicio da representación de El alma del pueblo, montaxe que visitará por vez primeira Galicia.