Volver

A AAAG inicia na Coruña o seu programa de formación desta temporada cun curso impartido polo actor Fernando Tato

Etiquetas:

O curso de Tato celebrarase no Centro Ágora, terá carácter trimestral e contará coa participación de 16 actores e actrices profesionais. A compañía arxentina El Rayo Misterioso ofrecerá en Santiago un seminario os vindeiros luns e martes dentro do programa de formación da AAAG

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) inicia esta fin de semana na Coruña o seu programa de formación cun curso impartido polo actor Fernando Tato. Baixo o título Curso Trimestral de adestramento para actores e actrices profesionais, Tato ofreceralles aos 16 intérpretes profesionais participantes diferentes claves de escena e anovadoras ferramentas para o desenvolvemento do seu traballo, tanto no ámbito audiovisual coma teatral. A duración deste curso é de tres fins de semanas intensivos, repartidos entre outubro, novembro e decembro.

O curso, organizado pola AAAG coa inestimable colaboración da Fundación AISGE, celebrarase dende esta fin de semana no Centro Ágora grazas á colaboración do Concello de A Coruña e entróncase dentro do programa de actividades e cursos formativos que organiza anualmente a AAAG, asociación que reúne a máis de 300 profesionais da interpretación do noso país, para dar resposta a un dos seus principais obxectivos: o apoio á formación permanente dos intérpretes e a difusión das máis anovadoras técnicas de traballo.

Fernando Tato, licenciado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia e en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, formouse durante catro anos no prestixioso estudo de Lorena García de las Bayonas en Madrid. Protagonizou a serie diaria O Faro da FORTA, ten participado noutras series para a TVG como Libro de Familia ou Matalobos e en series estatais como Pulsaciones, para Antena3 ou Reinas para TVE. Na súa faceta como músico, publicou o seu primeiro disco en solitario El animal en mí no ano 2015.

Seminario en Santiago

Pola súa banda, a compañía arxentina El Rayo Misterioso, impartirá na sede da SGAE de Santiago de Compostela un seminario intensivo para actores e actrices profesionais o luns 9 e martes 10 de outubro. Esta compañía, fundada en 1994, aproveita a súa participación no Festival Internacional de Teatro de Outono de Ourense (FITO), que se celebra entre os días 5 e 15 de outubro, para impartir o seminario dentro da programación formativa que a AAAG ofrece anualmente.