Volver

“A formación é fundamental para a interpretación. Se non adestras nin te renovas, nunca estarás ao 100%”

Etiquetas:

A AAAG organiza un curso de formación trimestral impartido por Fernando Tato, quen detalla as súas liñas mestras nesta entrevista

A Asociación, dentro do seu programa de formación, organiza para os vindeiros meses o Curso Trimestral de adestramento para actores e actrices profesionais, impartido por Fernando Tato. A iniciativa formativa desenvolverase no Centro Ágora da Coruña ao longo de 48 horas repartidas en sesións de tres fins de semanas de outubro, novembro e decembro. O prazo de inscrición está aberto até o vindeiro 25 de setembro e toda a información podedes atopala na nosa web, como tamén nesta conversa co propio Tato, que esmiúza as claves do seu curso nesta entrevista.

De que xeito se estruturará este curso trimestral e cales son os seus obxectivos?

Falamos dun curso trimestral repartido en tres fins de semana, nos que se desenvolverá un adestramento actoral no que os actores e actrices participantes aprenden e practica certas ferramentas propias do método que emprego. En grande medida, esta metodoloxía entronca coa formación que recibín de Lorena García de las Bayonas e doutros moitos cursos que realicei ao longo dos anos. Este adestramento procura darlle autonomía ao actor ou á actriz para estar preparado no momento de desenvolver o seu traballo. Un dos obxectivos é que a formación non quede illada nun apartado estanco, senón que se poida aplicar con naturalidade cando hai que rodar unha escena ou subir a un escenario. No primeiro fin de semana traballaremos monólogos e nos outros dous abordaremos escenas. Dese xeito, principiaremos co traballo individual para despois establecer a colaboración en parellas ou tríos.

Vén de citar a Bayonas, quen xa ofreceu tamén un curso na AAAG no que vostede exerceu de axudante. Que pegada deixou en vostede as súas clases?

Considero a Bayonas a miña mestra. De feito, aínda sigo tomando clases con ela sempre que xorde a oportunidade. Ela fixo de todo, estivo moitos anos con Juan Carlos Corazza, formouse en Australia... Que me achegou a min? Pois unha metodoloxía completa, clara e eminentemente práctica. Grazas a ela, eu adquirín unha maneira de traballar determinada, que me outorgou unha independencia que antes non tiña. Antes, claro que tiña un traballo físico e actoral ben útil, pero ela dotoume finalmente coas ferramentas necesarias para exercer con autonomía os distintos apartados do oficio: análise de textos, construción de personaxes, comprensión de secuencias... É dicir, todos os aspectos imprescindibles para poñerse diante dunha cámara e subir o escenario.

O curso, daquela, será útil tanto para o traballo audiovisual coma o escénico?

Loxicamente, hai diferenzas evidentes entre facer cine, rodar unha serie diaria ou subir a un escenario. Non obstante, as ferramentas de construción e análise aplícanse a ambos sectores.

Na presentación do curso adiántase que a música contará cun peso importante. De que maneira?

A música é un condutor de emocións absoluto, axuda a xente para poñerse en situación, para iniciar o traballo, para traballar fisicamente e entrar na escena tamén emocionalmente. Utilizo a música para que o actor entre no ambiente preciso e entenda, ademais, o tempo da secuencia ou da escena, algo realmente importante. Emprego constantemente a música, algo que tamén fai Bayonas.

Resulta imprescindible a formación continuada para a interpretación?

A formación é fundamental para a interpretación. Se non estás adestrado, non exercerás correctamente o traballo. Ninguén cuestiona que un violinista, por exemplo, teña que practicar cinco horas ao día. Un intérprete é exactamente igual. A idea dun actor ou unha actriz que xamais practica e despois chega para facer o seu papel nunha secuencia ou escena resúltame, dende o meu punto de vista, absurdo. O adestramento actoral é como ir ao ximnasio. Tes que estar en forma para cando te chamen a traballar. Se non estás practicando, se non te renovas, non chegarás a estar ao 100% para o traballo. Repito a imaxe, que me parece ben clara: un violinista se non practica, non tocará ben nun concerto. Non vai funcionar.

Será vostede que realice a selección dos inscritos farase segundo o currículo. Como docente, que perfís buscará?

Busco un grupo conformado por persoas con certa experiencia e formación. Por suposto, tamén deben contar con gañas de coñecer este método. O grupo, ademais debe ser equilibrado, comezando pola paridade e a diversidade. É un curso, ademais, que se adapta á perfección para persoas novas que acaban de saír da escola, para veteranos do teatro, para profesionais que unicamente traballan no audiovisual... É moi importante a enerxía grupal. Pode soar algo místico, pero non. Realmente é unha cuestión práctica. Resulta esencial o grupo, que encaixe como un elenco que funcione.