Volver

O FIC Bueu celebra o seu décimo aniversario coa súa programación máis ambiciosa

>> Un total de 25 producións internacionais participarán na Sección Oficial, mentres que seis fitas protagonizarán o apartado Galicia.

>> Morris recibirá o Premio Cine Galego desta edición, que se celebra entre o sábado 9 e o sábado 16 de setembro

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu celebrará entre o 9 e o 16 de setembro o seu décimo aniversario cunha ampla e ambiciosa edición que inclúe 25 pezas na sección de oficial, seis curtametraxes no apartado Galicia e media ducia de títulos na categoría España.Este ano, ademais, o FICBueu entregará o seu Premio Cine Galego ao actor Antonio Durán 'Morris', quen protagonizará un encontro aberto co público este sábado 9 de setembro ás 19.45 no Museo Massó.

Dentro da Sección Competición, ofrecerase unha mostra cun marcado carácter internacional, xa que os títulos que se inclúen nela proceden de países como India (Disco Obu), Francia (Pa Fuera ou Un grand silence), Italia (Il silenzo), Suíza (Ruah), Austria (Wald Der Echos), Grecia (Fox), Nepal (Dadyaa) ou Reino Unido (Balcony). Os pases da sección oficial ofreceranse ás 19.45 e ás 22 horas de luns a venres.

Pola súa banda, no apartado Galicia poderanse ver seis producións feitas en Galicia ou por galegos: Lembranza (Al Díaz, 2017), Néboa (Claudia Costafreda, 2017), Decorado (Alberto Vázquez, 2016), Dear Tom (David Tembleque, 2015), As vacas de Wisconsin (Sara Trabala, 2016) ou Einstein-Rosen (Olga Osorio, 2017). Estas pezas proxectaranse o sábado 9 ás 22.00 horas, mentres que a media ducia de títulos de España pasaranse o domingo ás 22.00 h.

Os abonos para o festival están xa á venda a través da páxina web www.ficbueu.com até o sábado 9. No portal, poderanse adquirir o Abono para a Sección Oficial por 8 euros, o Abono Competitivas (que inclúe a maiores o pase das fitas galegas), que custa 11 euros, e o Abono Plus, que tamén permite acceder á gala de clausura e á festa de peche. O prezo deste último abono é de 13 euros.

A programación, ademais, inclúe unha serie de seccións paralelas como a dedicada á produción latinoamericana, o apartado de público familair ou a retrospectiva de 10 anos de FICBueu. Así, na localidade pontevedrase proxectaranse máis dun cento de fitas procedentes de 40 países.

O Festival inclúe un ano máis un feixe de diferentes actividades paralelas, que van dende relatorios a rutas de tapas, pasando por encontros ou mesas redondas. Ademais, o coñecido programa radiofónico Carne Cruda emitirase dende Bueu.

CONSULTA AQUÍ O PROGRAMA COMPLETO