Volver

O FIOT de Carballo celebrarase entre o 22 de setembro e o 28 de outubro cun total 34 espectáculos

>> A venda de abonos para o público xeral comezará o 13 de setembro, mentres que os membros da Asociación Cultural Telón e Aparte poderán adquirilas xa dende este mércores 6 de marzo

>> Mario Gas, Nuria Espert, iLMaquinario Teatro, Alfredo Sanzol ou Miguel del Arco son algúns dos grandes nomes dunha edición na que o FIOT coproducirá espectáculos con Contraproducións, Galeatro ou Atresbandas.

A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo presentaron xa o programa oficial e a imaxe da XXVI edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que se desenvolverá entre o 22 de setembro e o 28 de outubro, e que conta cun pequeno anticipo para os máis cativos o 16 de setembro, data na que terá lugar a estrea absoluta de Muiñada de Galeatro, unha das coproducións do FIOT.

Este ano o festival ten entre os seus principais eixos a creación artística, xa que participa en tres coproducións, todas elas cun carácter moi diferencial. Así, acompaña no seu primeiro gran proxecto á primeira compañía profesional de Carballo, Galeatro. No segundo caso, colabórase cunha compañía de fóra de Galicia da que o festival fai un seguimento desde hai anos, Atresbandes e a terceira é da man de Contraproducións, cuxo equipo é un incondicional do FIOT e que este ano presentan un proxecto moi vinculado á comarca de Bergantiños, xa que conmemoran o centenario do falecemento de Eduardo Pondal, para o que tamén se conta co soporte da Fundación que leva o nome do poeta galego.

Nesta edición os organizadores tamén apostan de forma decidida polo apoio aos creadores emerxentes, o que se traduce na aparición de novos espazos como o Certame Microteatro Metro Cadrado (M²), que estende o teatro a outros espazos fóra de sala e busca novos formatos e discursos para chegar a un espectro máis amplo de público.

Cartel

O cartel deste ano ofrece 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 9 estreas en Galicia nas modalidades de programación de sala, Ciclo OTNI, Rúas dos Contos, Microteatro e Fiotiño. Isto compleméntase con actividades paralelas como a Escola do Espectador, o Café con, o Teatro de Rúa, a exposición Zoom FIOT, o Dálle un Bocado e diversos obradoiros de participación. A presenza internacional está representada por compañías e artistas procedentes de Reino Unido, Bélxica e Portugal.

Entre as montaxes que pasarán por Carballo, pódense destacar espectáculos La Zanja, dos catalás Titzina Teatro (29 de setembro), La ternura, coprodución de Teatro de la Ciudad e Teatro La Abadía dirixida por Alfredo Sanzol (30 de setembro); El ciclista utópico, produción de Felgood Teatro con Fran Perea no elenco (13 de outubro); Resaca, obra de ilMaquinario Teatro dirixida por Tito Asorey (14 de outubro); Incendios, espectáculo das compañías Ysarca e Teatro de La Abadía dirixida por Mario Mas e coa participación de Nuria Espert, ou Arte, de Kamikaze Producciones coa dirección de Miguel del Arco.

O OTNI é outra das grandes apostas deste ano, xa que inclúe no seu programa dúas estreas en Galicia e unha estrea absoluta de carácter internacional. Neste apartado do festival gaña gran relevancia a participación do público, que se converte no indiscutible protagonista.

Corazón teatral

Por todas estas actividades, o festival consolídase como un corazón teatral en Galcia, o que explica a imaxe desta edición e o lema “All you need is FIOT”, que resume esa necesidade de teatro do mesmo xeito que as persoas precisamos do sangue que bombea o corazón para vivir.

A actriz Mónica Caamaño foi elixida nesta XXVI edición como Xograresa de Outono 2017 pola súa intensa e diversa traxectoria e compromiso activo co sector cultural, cuxa carreira transcorre entre o teatro, o cine e a televisión.

Venda de entradas

O próximo 6 de setembro ábrese a venda de bonos para os socios da AC Telón e Aparte, quen poderán mercalas ata o día 12 deste mes. A partir do 13 de setembro a venda de bonos estará dispoñible para o público en xeral. No caso das entradas soltas para a programación de sala, Ciclo OTNI e sesión dobre no Mercado, poderán adquirirse por internet desde o 13 de setembro ata o día antes de cada función ou de forma presencial na billeteira do Pazo da Cultura nos 90 minutos previos ao inicio da representación. As entradas dos espectáculos interpretados en locais de hostalaría, como é o caso da Rúa dos Contos, poderán mercarse nos propios establecementos a partir do 15 de setembro.

PROGRAMA COMPLETO