Volver

O Fetega celebrará a súa 28ª edición entre o 5 e o 9 de setembro

O Premio Fetega, que neste ano recae en Carlos Blanco, pasará a chamarse Premio Fetega Dorotea Bárcena en homenaxe a actriz falecida o pasado mes de novembro. Chévere, Redrum Teatro, Triatreros ou Pistacatro pasarán polo Carballiño este ano

O Festival de Teatro Galego do Carballiño (Fetega), que se celebrará entre o 5 e 9 de setembro, vén de anunciar a que será a programación dunha 28ª edición na que, entre novidades, destaca o cambio no Premio Fetega. O galardón pasará a levar o nome de Dorotea Bárcena, en homenaxe á actriz e directora falecida o pasado mes de novembro. Neste 2017, Carlos Blanco recibirá a distinción durante a gala de clausura que conducirá Sergio Pazos.

O Fetega, festival que centra a súa programación nas artes escénicas producidas no país, contará nesta nova edición cun total de nove espectáculos nos espazos do Anfiteatro da Veracruz e do Auditorio de Carballiño, diferentes montaxes de animación na rúa e un conxunto de actividades paralelas. Así, polo Auditorio de Carballiño representaranse Eroski Paraíso, de Chévere, o martes 5 de setembro; A canción do Elefante, a nova produción de Redrum Teatro interpretada Ernesto Chao, Patricia Vázquez e Guillermo Carbajo, o mércores 6 de setembro; Dramaturxia das mulheres, de Inherente Teatro o xoves 7, e Impronews, de Triatreros, o venres 8. As entradas para estes espectáculos venderanse a prezo único de 10 euros.

As montaxes que pasarán polo Anfiteatro da Veracruz serán Welcome, de Delirium (5 de setembro); Lili Star, de Vueltos de Rosca (mércores 6); Escola de Saltimbanquis, de Pista Catro (xoves 7); Nono, de Nono Productions (venres 8) e Contigüo, de IO, (sábado 9). No caso destas obras, as entradará serán de balde.

En canto a animación das rúas durante o festival, os espectáculos correrán a cargo de Pistacastro e Barafunda. Esta última formación, ademais, creará a peza F(e)t(e)G(a' especificamente para o festival. O Fetega tamén reservará espazo no seu programa para a formación. Deste xeito, Omar Ferrín impartirá un curso Improvisación escénica. Entre as actividades paralelas, destaca tamén a conferencia que ofrecerá Alfonso Becerra de Becerreá baixo o título Teatro Posdramático Galego.