Volver

A Mostra de Cangas inaugúrase este venres coa estrea de 'Nacidas libres'

Chévere levará a Cangas a súa obra 'Río bravo' e Tanxarina estreará 'A galiza azul. Cándido Pazó recibirá o Premio Xiria e Antía Cal, o Premio Mulleres en Acción

A Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas inaugurará este venres 30 de xuño a súa trixésimo cuarta edición co pregón de MaríaSalgueiro e a estrea de Nacidas Libres, coprodución da propia mostra e Contraproducións. A peza, escrita por Cándido Pazó e dirixida por Cristina Domínguez, conta cun elenco formado por Susana Dans, Mónica Camaño, Casilda Alfaro e Rocío González. A trama xira ao redor dun grupo de actrices que ao entrar na madurez sofren a invisibilidade e os atrancos nun mundo laboral hostil co paso do tempo nas mulleres. Diante desta situación, deciden crear o seu propio proxecto teatral a partir dunha noticia real da prensa: as monxas retidas no convento das Mercedarias de Santiago.

A estrea de Nacidas libres significará o punto de partida para nove días de artes escénicas en Cangas. Nove días de programación, no que se inclúen cinco estreas, entre as que destaca, a recuperación de Río Bravo, a mítica montaxe de Chévere que a compañía volverá a representar co gallo do seu trixésimo aniversario. A peza chegará ao Auditorio Municipal de Cangas este sábado 1 de xullo.

Outradas compañías galegas que dará a coñecer a súa nova produción será Tanxarina, que levarán a escena A Galiña Azul, unha das historias máis célebres de Carlos Casares. Cándido Pazó tamén se implica neste proxecto, que se estreará o 5 de xullo. O dramaturgo e director teatral encárgase da adaptación, converténdose nun dos nomes propios desta edición da mostra, xa que ademais recibirá o Premio Xiria á labor teatral.

Dende fóra de Galicia, tamén chegarán diferentes estreas para o público galego, como é o caso La Extinta Poética, das compañías Nueve de Nueve e La Zaranda, que se poderá ver este domingo 2 de xullo. O venres 7, pola súa banda, o protagonismo xirará ao redor da figura de Emilia Pardo Bazán da man de Teatro del Barrio, que representarán na Mostra a súa obra Emilia. Un día despois, o sábado 8 de xullo, terá lugar a gran clausura desta edición da Mostra coa obra La sección, dos valencianos de A tiro hecho. O espectáculo céntrase nas traxectorias de Pilar Primo de Rivera, Mercedes Sanz-Bachiller e Carmen Polo, como tamén na evolución histórica da Sección Feminina.

Ademais do teatro no Auditorio, a rúa será protagonista da Mostra. Un total de 7 obras, repartidas durante os 9 días do evento, amenizarán diferentes espazos ao aire libre da vila canguesa. Destacar as estreas en Galicia de Equilibrando ilusiones, da compañía andaluza Circovito; e Las polis, do dúo clown castelámanchego do mesmo nome. Este ano a Mostra engade un novo espazo para o goce do teatro. Na Capela do Hospital, representaranse cino espectáculos, entre os que destaca, como estrea absoluta, Agares que buligan gozando ao sol dunha habaneira que non é, unha coprodución do grupo galego Inherente Teatro coa Mostra Internacional de Cangas.

MULLERESEN ACCIÓN

Dentro das actividades paralelas dentro da Mostra, destacan con gran relevancia as xornadas de Mulleres en Acción, iniciativa que xurdiron no ano 2000 do convencemento de que as artes vivas e a cultura son aliadas imprescindibles para combater a desigualdade de xénero. Nesta ocasión, as actividades celebraranse o sábado 8 dexullo e comezarán xa pola mañá co obradoiro Mulleres ignoradas da Historia e a Cultura, impartido por Noites Lilas, colectivo que ademais fará a súa presentación ás 17.30 h. Acto seguido, terá lugar a ponencia Cinco anos de Cine Comercial Español: Onde van as mulleres?, por Asunción Bernárdez, e un debate dirixido por María Armesto. A xornada rematará cun nome propio: Antía Cal. Ás 19.45horas proxectarase o documenta sobre a súa vida, realizado por Manuel Piñeiro, e xa ás 22.30 horas, a propia Cal recibirá o Premio Mulleres en Acción.

Podedes atopar toda a información da Mostra de Cangas na súa páxina web