Volver

A Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas contará con cinco estras absolutas na súa 34ª edición

A mostra celebrarase entre o 30 de xuño e o 8 de xullo e abrirá coa estrea de 'Nacidas libres', montaxe coproducida por Contraproducións e a propia mostra. Ademais, Chévere recuperará no seu trixésimo aniversario de compañía a súa histórica montaxe 'Río bravo'.

Cangas acollerá a 34 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo dende o 30 de xuño até o 8 de xullo e abrirá a súa programación coa estrea absoluta da obra Nacidas libres, unha coprocuión da compañía Contraproducións e a propia Mostra. O 1 de xullo, tamén no Auditorio, representarase outra estrea absoluta: ‘Río Bravo’, de Chévere, que este ano celebra o seu 30 aniversario. A compañía galega agasalla así ao seu público cunha revisitada versión dunha das súas máis míticas postas en escena. La Extinta Poética, das compañías Nueve de Nueve e La Zaranda, é outra das obras que estará na MITCF de Cangas. Trátase da estrea en Galicia dun espectáculo multidisciplinar estreada en setembro de 2016. Poderá verse o domingo 2 de xullo.

Tamén a compañía francesa Teâtré du Mouvement estrea en Galicia, o xoves 6 de xullo, 'Encore une heure si courte’, teatralidade do movemento e do xesto para contar a historia de tres seres que exploran unha contorna vital descoñecida e hostil. A figura de Emilia Pardo Bazán será o venres 7 de xullo a protagonista absoluta da Mostra coa estrea en Galicia de ‘Emilia’, do Teatro del Barrio. A historia dunha muller que, nas postremeiras do século XIX, empéñase en ser ela mesma.

A Mostra pechará o programa de sala o sábado 8 de xullo coa estrea para o público galego de ‘La sección. Os valencianos de ‘A tiro hecho’ traen á MITCF as figuras de Pilar Primo de Rivera, Mercedes Sanz-Bachiller e Carmen Polo (de Franco), e a evolución histórica da Sección Femenina, tan determinante no devir das vidas de miles de mulleres marcadas por imposicións educativas, políticas, relixiosas e de xénero.

ABONOS

O vindeiro luns 15 de maio estarán á venda os abonos para asistir a todas as obras programadas no Auditorio Municipal de Cangas. Por 45 euros, calquera persoa pode reservar unha butaca propia para ver todos os espectáculos de primeirísimo nivel da Mostra. Os abonos poderán mercarse ata o día 18 de xuño. Hai un desconto de 8€ con respecto ao prezo individual. Outra das vantaxes do abono é evitar as colas na billeteira. A partir do martes 20 de xuño, estarán dispoñibles as entradas individuais para calquera dos espectáculos. Nos abonos e entradas mercados a través de internet non haberá ningún custe adicional de tramitación.

TODA A INFORMACIÓN NA WEB DA MOSTRA