Volver

Carballo Interplay, Primavera de Vigo e Festival de Cans

No mes de maio, celebranse tres grandes festivais do sector audiovisual. Repasamos algúns detalles da programación do Carballo Interplay (4-6 de maio), Primavera de Vigo (5 ao 14 de maio) e Cans (24-27 de maio)

Festival Primavera

Do 5 ao 14 de maio celebrarase unha nova edición do Primavera de Cine, Festival Internacional de Cine en Vigo e na súa Sección oficial de Longamentraxes inclúense as fitas Alén do cosmos, Pedro Pablo Alonso; La declaración de los objetos, de Cristóbal Arteaga Rozas; Migas de Pan, de Manane Rodríguez; Mimosas, de Oliver Laxe; O tempo futuro, de Xoán Escudero; Pelerinaxes, de Simone Saibene; Rendevous, de Guillermo Julián e Román Santiago Pidre; Schimbare, de Álex Sampayo, e Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro, de Aser Álvarez González. Na web do festival, pódense consultar tamén as sección de Curtas, de Videoclips e de Animación, así como os horarios e prezos.

Por outra banda, o Festival Primavera outorgaralle a Morris unha mención honorífica á súa traxectoria. O actor recibirá o recoñecemento durante a Gala Inaugural do Festival, prevista para o día 5 de maio. Deste xeito, a Asociación Cultural Reencanto Produccións, organizadora do certame, fará entrega ao homenaxeado dunha Oliveira Bonsai, facilitada por Casaplante, co obxectivo de salientar o compromiso de Morris “coa realidade do seu país e do seu sector”.

Ademais, o Festival Primavera ofrecerá unha Master Class de Alberto Vázquez: Dende o papel á pantalla. Consistirá en abordar a produción dun filme de animación dende o primeiro paso, a planificación e e a elaboración do proxecto, até a consecución do produto final. Alberto Vázquez partirá do exemplo dos seus propios traballos premiados recentemente nos Goya: a curta Decorado e a longa Psiconautas.

Carballo Interplay

O Carballo Interplay Festival de Contidos Dixitais celebrará o 4, 5 e 6 de maio unha cuarta edición no que volverá furar nas novas tendencias dos formatos, creacións e producións dun ámbito puxante en Galicia, no estado e no resto do mundo. Así, dende Galicia, pasarán por Carballo as producións Galicia Crime, Antolepsia, As Aventuras de Po, Dalle Jas e Teño unha horta en San Sadurniño. Do panorama internacional chegarán producións de Chile (Psicóticas inseguras), Alemaña (Dyscocalipse) Australia (Dang It To Heck!), Ucraína (5baksi.net), Nova Zelandia (AFK) ou Reino Unido (Midnight Miracle).

Este ano, ademais, o festival volve celebrar o concurso ao mellor proxecto de webserie en lingua galega, no que competirán nun pitching público catro propostas. Trátase do drama existencialista Albedrío, creado por J.S. Raimundi e Álex Vázquez e protagonizado por Melania Cruz e Tito Asorey; da comedia de situación Efectos Secundarios, creada e protagonizada por Pablo Cobos e Paula Ballesteros-Arias; da comedia con pequenas tinturas dramáticas Hai vida en Bran, creada e protagonizada por Ángela Andrada, que se acompaña por un nutrido grupo de personaxes que rompen estereotipos; e mais da comedia fantástica Megamadriñas, que mestura o mellor da épica dos superheroes co máis enxebre do rural galego, baixo a batuta de Antón Coucheiro, Paulo Rubal e Joseba Muruzábal.

Precisamente, o proxecto gañador do ano pasado, Peter Brandon, estrearase esta nesta edición do Interplal. A obra, unha comedia con aires dramáticos que se estreará o venres 5 de maio, ás 22.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. Peter Brandoné un falso documental que amosa a vida do popular cómico Pedro Brandariz fóra dos escenarios e, no camiño, satiriza o sector audiovisual galego coa complicidade de caras coñecidas como Xosé Antonio Touriñán, Evaristo Calvo, María Tasende, David Amor ou Isabel Risco, entre moitos outros.

Festival de Cans

O Festival de Cans, que se celebrará entre o 24 e o 27 de maio. pon á venda hoxe as primeiras 600 entradas para a presente edición, que dan acceso á proxección da sección oficial de curtas a concurso o sábado 27 de maio, 250 para a función matinal e 350 para a sesión de tarde. Pódense adquirir a través da tenda oficial.

O Festival de Cans abrirase coa estrea mundial de A historia dun satélite, unha longamentraxe dirixida polas irmáns Sonia e Miriam Albert-Sobrino, coñecidas como as Also Sisters. Trátase do filme de debut destas xemelgas, producido pola Universidade de Utah, da que agora son docentes. Dende que comezaron a facer as súas primeiras curtas, as Also Sisters viron as súas curtas proxectadas nas pantallas de certames como o Festival Internacional de Cine de Edimburgo, o Festival de Raindance, CinEspaña e tamén o Festival de Cans, no que participaron en dúas ocasións.

Por outra banda, o festival xa anunciou que o director Alfonso Zarauza formará parte do xurado de curtas desta edición, xunto a Luisa Romeo, Mara Torres, Jose Antonio Quirós, Sonia Castelo, Diana Toucedo e César Goldi. Na web do Festival atoparedes toda a información que vai publicando Cans.