Volver

Cara a onde vai o Centro Dramático Galego?

A revista 'Tempo Novos' organizou un encontro no que participaron Ernesto Chao, presidente da AAAG; Fefa Noia, directora do CDG; Eduardo Alonso, director e primeiro director do CDG; Rebeca Montero, actriz, e Javier Ferreira, profesor de Dereito Administrativo

A revista Tempos Novos, que celebra neste 2017 o seu vixésimo aniversario, está a recuperar o seu formato de debates públicos e e esta semana celebrou en Santiago un encontro centrado no presente e futuro do Centro Dramático Galego. Baixo o título Cara a onde vai o CDG?, a cabeceira dirixida por Luis Álvarez Pousa, reuniu no Auditorio de Galicia a Ernesto Chao, presidente da AAAG e ex director do CDG; Eduardo Alonso, dramaturgo, director de escena e primeiro director do CDG; Fefa Noia, actual director do CDG; Javier Ferreira, profesor deDereito Administraivo da USC, e Rebeca Montero, actriz. O debate estivo, ademais moderado, pola escritora Inma López Silva.

Na súa primeira intervención, o presidente da AAAG, Ernesto Chao, destacou que os obxectivos cos que naceu a institución de teatro público “seguen vixentes”. “Eses obxectivos, entre outros, pasaban porque, por unha banda, existise unha compañía pública que se centrase no repertorio e en darlle saída á dramaturxia galega e, pola outra, que se creasen un número de postos de traballo significativos ao ano”, sinalou Chao antes de engadir que o CDG precisa “recuperar o seu prestixio”.

Na idea do desprestixio afondou a intérprete Rebeca Montero, quen sentenciou que “o CDG é un ente desprestixiado” e “cheo de atrancos burocráticos” que dificultan a “creación teatral”. Eduardo Alonso, pola súa banda e en calidade de primeiro director do Centro Dramático, lembrou que “o teatro debe ser un servizo á sociedade” e que polo tanto a existencia do Centro Dramático debe garantir que o estado cumpra con ese servizo. Ademais, engadiu nesa liña que o teatro debe entenderse como un elemento para “construír nación.”

CONTRATACIÓN DE ACTORES

Gran parte do debate centrouse no apartado da contratación de actores, rodeado de polémica e atrancos no cado da vindeira produción do CDG, Martes de Carnaval. Neste apartado, o profesor Javier Ferreira centrouse en verter luz sobre as formas de contratación na función pública e na situación actual do CDG. Neste sentido, analizou en primeira instancia a autonomía do CDG. “O CDG non existe a nivel administrativo. É un órgano administrativo que nin sequera se recolle nos estatutos da Agadic”, sinalou Ferreira.

Ferreira, sobre a contratación de actores e actrices, adiantou que coa lei de contratación vixente, non se atopan moitas opcións para que os actores e as actrices sexan contratados no CDG sen un concurso público. Non obstante, si deixou a porta aberta á posibilidade de flexibizar as bases dos procedementos. “Eu vin estas bases e pódese flexibilizar e moito”, explicou. E tamén abriu á porta á posibilidade de que o CDG poida contratar dun xeito diferente e con maior liberdade. Para iso, habería poucos camiños, como por exemplo que se adaptase o modelo de fundación pública.

Por último, a directora do CDG, Fefa Noia, insistiu na necesidade de “buscar o diálogo coa profesión”, xa que para que sobrevivas esta institución precisa “o apoio” e “a empatía” da profesión. Noia, por outra banda, admitiu que un dos grandes problemas do CDG pasa por que “a situación orzamentaria do CDG é deficitaria.

TODA A INFORMACIÓN SOBRE ESTE ENCONTRO ATOPARÉDELA NO VINDEIRO NÚMERO DE 'TEMPOS NOVOS'.