Volver

A Gala dos María Casares tratará “con humor e desenfado” a relación entre o teatro e a administración ao ritmo do son cubano

Pepo Suevos dirixirá e presentará a gala dos XXI Premios de Teatro María Casares, que se celebrará ás 20.30 horas no Teatro Rosalía da Coruña. Os actores Josito Porto, Silvana Sestelo, Marta Lado, Alberto Rolán, Patricia Torres e Roberto Leal conforman o elenco dunha gala cuxa escenografía estará realizada por Suso Montero. Emitirase por streaming na páxina web da TVG e pola TVG a partir das 23.45 horas,

“A Gala dos XXI Premios de Teatro María Casares analizará con humor e desenfado as relacións entre o teatro e a administración, dous mundos diferentes condenados a entenderse. E todo ao ritmo do son cubano”. Con estas palabras, Pepo Suevos resumiu esta mañá en rolda de prensa as claves dos XXI Premios de Teatro María Casares, cuxa gala se celebrará mañá mércores 29 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña a partir das 20.30 horas. O director e presentador da cerimonia, ademais, sinalou que a gala deste ano busca ser “pouco convencional”, xa que nesta ocasión recorreuse a un director que conformou un elenco de actores e actrices ex profeso, en vez de encargarllo a unha compañía como se veu facendo nos últimos anos. “ O equipo así levará a cabo unha gala na que confluirán, sempre con humor, dúas visións da relación entre cultura e administración: a que nos gustaría no sector e a que percibimos realmente”, sinalou Suevos.

Así o explicou o director da gala esta mañá no Concello da Coruña, xunto ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, e a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mabel Rivera.

Rivera, na súa intervención, quixo salientar por unha banda “a gran calidade dos trece espectáculos” que compiten nas catorce categorías nesta edición dos María Casares. Nesa mesma liña, Rivera destacou que este ano un total de 44 espectáculos e máis de 400 profesionais se inscribiron nos premios, rexistrándose así a cifra máis alta da historia dos galardóns. Por último, Rivera rematou a súa intervención agradecendo a Agadic, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, ao Padroado da Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE e Gadis a súa colaboración e apoio na organización dos María Casares.

ELENCO POLIVALENTE

Suevos, ademais, aproveitou a ocasión para “pór en valor” o traballo desenvolvido por todo o equipo que traballa na gala deste ano. Comezou destacando “a polivalencia e o talento” do corpo actoral de seis actores e actrices (Roberto Leal, Patricia Torres, Alberto Rolán, Marta Lado, Silvana Sestelo e Josito Porto) e continou celebrando a participación dunha banda de música cubana que se creou para a ocasión (conformada polos percusionistas Amaury Quintero e Marcos Jaramillo, o pianista Josep Ruiz; o baixista Juan Perez e o trompetista Daniel Polo). A escolla do son cubano responde, segundo Suevos, á intención de “ofrecer un espectáculo diferente para a gala” e de “transmitir a alegría do son cubano” como unha mostra máis de que os María Casares son “unha gran festa para o oficio teatral”.

Ademais, a gala volve contar este ano con Suso Montero, quen se encarga da escenografía, e con Marta Horjales, responsable da produción executiva. A cerimonia de entrega dos María Casares será retransmitida en directo a través de streaming a partir das 21.00 horas na páxina web da TVG e poderase seguir en diferido pola TVG a partir das 23.45 horas. A través do twitter e o Facebook da AAAG, anunciaranse en tempo real os gañadores de todas as categorías e empregarase o hastag #oscasares. Durante a gala, entregaráselle a Eduardo Alonso o Premio de Honra Marisa Soto e a actriz e dramaturga Imma António lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

MARÍA CASARES NO CGAI

Dentro das actividades paralelas que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) está a desenvolver para difundir a figura de María Casares, o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) acollerá unha sesión homenaxe á actriz, consistente na proxección da película Orfeo (1950), do director Jean Cocteu. A fita, considerada unha das grandes obras do cine francés, está protagonizada por María Casares e proxectarase ás 20.30 horas no CGAI. A entrada é gratuíta.

ESPECTÁCULOS NOMINADOS

Un total de 13 espectáculos son finalistas nos XXI Premios de Teatro María Casares. O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, aspira a 11 galardóns; Eroski Paraíso, de Chévere, opta a 8 premios María Casares, e Raclette, de Ibuprofeno Teatro, compite por 5 galardóns. Estas tres montaxes disputaranse os premios ao mellor espectáculo e mellor dirección.

Pola súa banda, Voaxa e Carmín, de ButacaZero e Eme2, aspira a 5 premios María Casares. Foucellas, de Talía Teatro, compite en tres categorías. A nena que quería navegar, de Redrum Teatro, e Os amores de Jacques o fatalista, de Producións Teatráis Excéntricas, aspiran a 2 María Casares. Os espectáculos Xurdefet, de Berrombambán; Danza da Choiva, de Elefante Elegante; Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro; Os Rockenstein, de Malasombra Producións; Tartufo, do Centro Dramático Galego, e Get Back, de Eme2, aspiran a un galardón.