Volver

Pepo Suevos dirixirá e conducirá a gala dos XXI Premios de Teatro María Casares

Suevos estará acompañado por un elenco conformado por Silvana Couñago, Roberto Leal, Josito Porto, Alberto Rolán, Marta Lado e Patricia Torres. A música correrá a cargo dunha banda cubana que traerá o son e a salsa á gala

O actor, guionista e monologuista Pepo Suevos será o encargado de dirixir e conducir a gala dos XXI Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o vindeiro mércores 29 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns, confíalle deste xeito a Suevos a dirección e a presentación da gala deste 2017. Suevos, que xa está a ultimar os detalles da cerimonia, furará con humor e autocrítica nas relacións entre o teatro e a administración, dous mundos ben diferentes condenados a entenderse. Para o espectáculo, o director da gala contará cun elenco de seis actores e actrices. Dese xeito, polas táboas do Rosalía pasarán os/as intérpretes Silvana Couñago, Marta Lado, Roberto Leal, Alberto Rolán, Patricia Torres e Josito Porto. A gala contará coa música en directo dunha banda formada por cinco músicos (os percusionistas Amaury Quintero Consuegra e Marcos Jaramillo, o pianista Josep Ruiz Zuluaga; o baixista Juan Perez Villavicencio e o trompetista Daniel Polo Salgado) que lle darán á cerimonia o toque do son cubano.

O presidente da AAAG, Ernesto Chao, sinala que a Xunta Directiva decidiu encargarlle a dirección da gala a Pepo Suevos por ser “un gran actor con moito que ofrecer”, cunha “traxectoria contrastada como monologuista”. Ademais, Chao destacou “o seu amplo traballo como guionista”, o cal é unha “garantía máis” que ofrece este auténtico “showman”. A gala, organizada pola AAAG, contará ademais coa dirección de arte de Suso Montero, un dos escenógrafos máis prestixiosos do noso país e que vén traballando nas galas dos María Casares nos últimos anos.

Os XXI Premios María Casares contan co patrocinio de institucións como a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic-Xunta de Galicia), Concello da Coruña, Deputación da Coruña, Padroado da Cultura de Narón, Fundación AISGE e Fundación SGAE. Nesta edición dos galardóns, un total de 13 espectáculos compiten polos 14 galardóns nos que se dividen os premios, sendo os espectáculos con maior número de finalistas O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, que aspira a 11 premios; Eroski Paraíso, de Chévere, que opta 8 María Casares; Raclette, de Ibuprofeno Teatro, e Voaxa e Carmín, de ButacaZero e Eme2, que competirán en 5 categorías. O Premio de Honra Marisa Soto será recibido polo dramaturgo e director Eduardo Alonso.

PERFIL DE PEPO SUEVOS

Nacido en Ferrol en 1971, Pepo Suevos comezou a súa traxectoria artística como contacontos e monologuista para despois ampliar as súas facetas artísticas como actor de teatro, cine e televisión. Na pequena pantalla estreouse a comezos dos anos 2000 como colaborador en programas como Tardes con Ana ou Luar.

A partir dese momento, participou en series da TVG como Rías Baixas (TVG), Terra de Miranda, As leis de Celavella, Escoba, Serramoura ou Pazo de familia. En cine, Pepo Suevos traballou en fitas como Entre bateas (Jorge Coira, 2002), Ilegal (Ignacio Vilar, 2003), Heroína (Gerardo Herrero, 2005), Unha muller invisible (Gerardo Herrero, 2007), Pradolongo (Ignacio Vilar, 2008) ou A esmorga (Ignacio Vilar, 2014). Tamén cómpre destacar o seu traballo en fitas como Secuestrados (Miguel Ángel Vivas, 2010), Agallas (Samuel Martín Mateos, Andrés Luque Pérez, 2009) ou A praia dos afogados (Gerardo Herrero, 2015). No mundo do teatro, Suevos formou parte da compañía Uvimóvil Teatro e do grupo de clown Os Sete Magníficos máis Un.

Suevos, ademais, traballa como guionistas en diferentes programas de televisión. Deste xeito, formou parte dos equipos de guión dos programas da TVG A casa da Conexa, Tourilandia ou LandRober e series como GymTony.