Volver

Cineuropa proxectará máis de 200 película na súa trixésima edición

O festival, que se celebra en Santiago entre o 8 e o 27 de novembro, cumpre trinta anos de historia. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) colabora este ano co festival nunha homenaxe a María Casares polo XX aniversario do seu falecemento

Entre o 8 e o 27 de novembro, un total de 213 películas proxectaranse no Festival de Cineuropa que, neste 2016, celebra o seu trixésimo aniversario. A súa sección oficial ofrecerá un total de 30 películas e contará cun cartel de luxo ao incluír obras de grandes autores como son Olivier Assayas, Marco Bellocchio, François Ozon, Xabier Dolan, Bertrand Bonello, Joao Pedro Rodrigues ou Alain Guiraudie. Así o anunciou hoxe o director de Cineuropa, José Luis Losa, nunha rolda de prensa na que tamén participaron Martiño Noriega, alcalde de Santiago; Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

O programa deste ano inclúe, ademais, un total de 15 seccións, coloquios, encontros co público e clases maxistrais. Co total de 213 películas e este conxunto de actividades, Cineuropa celebra a súa trixésima edición, na que colabora a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) na coorganización dun ciclo homenaxe á actriz María Casares no vixésimo aniversario do seu pasamento. Deste xeito, os días 22 e 23 de novembro proxectaranse no Salón Teatro películas como Les enfants du paradis e O testamento de Orfeo.

Ademais deste tributo a María Casares, Cineuropa lembrará tamén a Marcello Mastroianni, do que tamén se cumpren 20 anos do seu falecemento e fixará o foco sobre o polar no ciclo O polar; a idade de xeo do cine francés. Este ciclo, constituído por máis de corenta filmes, revelará como a maior parte do cine negro francés permanece inédito en España, xa que durante a ditadura franquista se consideraba este xénero galo como anormal. “Das 41 películas, máis da metade, non foron estreadas en España. Son películas que nos foron roubadas”, sinalou na presentación José Luis Losa.

PREMIOS CINEUROPA

Neste 2016, o cineasta Carlos Saurá recibirá o Premio Cineuropa Especial 30ª edición, mentres que Lola Dueñas e o exidrector da Filmoteca Española, José María Prado, serán os outros dous tributos do festival. Ademais, a Sección Oficial incluíra as películas dos premiados en Cineuropa máis novos: Oliver Laxe e Albert Serra. Oliver Laxe presentará en Santiago a súa fita Mimosas, tras recibir en Cannes o premio da Semana da Crítica. Serra, pola súa banda, amosará a súa obra La mort de Luis XIV.

RECINTOS E BILLETES

Cineuropa estenderá a súa actividade por diferentes locais e recintos da cidade. Deste xeito, o festival programa as súas sesións no Teatro Principal, o Salón Teatro, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Afundación, o Auditorio de Galicia e, este ano como novidade, tamén NUMAX.

As entradas manteñen o prezo de 4 euros, que quedan reducido en 3 euros se se merca o abono que ten un prezo de 30 euros e resulta válido para 10 películas. Ademais, co abono vai de agasallo o catálogo do festival, que mercado por separado custa 2 euros. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto todos os días de 15.30 a 22.00 horas en venda anticipada e até 5 minutos antes de cada sesión na venda inmediata) ou en entradas.abanca.com, ademais de no 902 434 443. A maiores, para as películas que se proxectan en NUMAX, tamén se poderán mercar na propia sala.

Só serán de pagamento 80 filmes: os da sección Oficial, Panorama Internacional, Docs Cineuropa, Fantastique Compostela, Latido Americano e Cine e Tupamaros: da loita armada á presidencia. Tamén se cobrarán entradas no maratón, no concerto da Real Filh0armonía de Galicia coa proxección de Metropolis e a Clase Maxistral con Paula Ortiz. A inauguración oficial terá lugar o martes 8 no Teatro Principal ás 20.30 horas co filme El ciudadano ilustre; premio ao mellor actor en Venecia e Espiga de Prata na Seminci de Valladolid.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO