Volver

Doce espectáculos e o encontro 'Mulleres creando' centran a programación do IX FITO de Ourense

O Festival, organizado por Sarabela Teatro, celebrarase do 7 e 19 de outubro. Consulta a programación

A organización do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) presentou hoxe o programa da súa novena edición, que terá lugar do 7 ao 19 de outubro coa participación de 12 compañías de España, Chile, Dinamarca e México. Ademais, por segundo ano consecutivo, a mostra ourensá será o escenario do encontro ‘Mulleres creando’ para abordar e impulsar a igualdade no ámbito escénico. O festival, promovido polo Concello ourensán, está organizado por Sarabela Teatro, recente Premio da Cultura Galega na categoría de artes escénicas.

Na programación, catro producións galegas poderanse ver canda compañías chegadas doutros puntos de España e de Dinamarca, Chile e México. Así, a representación galega correrá por conta de Chévere, con ‘As fillas bravas’; Panadaría, con ‘Pan! Pan!’; Matarile Teatro, con ‘Antes de la metralla’; e Berberecheira con ‘Goldi libre!’. Tamén forman parte desta carteleira ‘Así que pasen cinco años’, obra de García Lorca coproducida por Atalaya e o Centro Dramático Nacional; ‘Muñeca de porcelana’, de Bravo Teatro e con José Sacristán no elenco; o ‘Circo mediterráneo’ da compañía Rolabola; o teatro de obxectos da Companyia Pelmànec; e o último traballo de investigación de Los Hedonistas.

Ademais, os daneses Granhøj Dans regresarán ao FITO cunha nova proposta que explora a poética da danza; a compañía chilena La Llave Maestra presentará unha coprodución co Teatro Gayarre de Pamplona, que prescinde das palabras para falar das viaxes por pracer ou por obriga; e a mexicana Lagartijas Tiradas al Sol ofrecerá un relato sobre as comunidades menos coñecidas da súa sociedade.

Dentro das actividades paralelas, este ano celebrarase o segundo encontro ‘Mulleres creando’, que dá voz a profesionais galegas e de fóra de Galicia para intercambiar experiencias no ámbito das artes escénicas e da cultura en xeral. O programa desta segunda edición articúlase arredor de dúas mesas redondas sobre o xénero nas artes escénicas e sobre a situación da danza en Galicia.

PROGRAMA