Volver

Anúnciase en Cangas a elaboración dun estudo da situación laboral das mulleres nas artes escénicas e no audiovisual

A posta en marcha deste pioneiro estudo sociolóxico, que contará coa implicación da Agadic, a Secretaría Xeral de Igualdade, a Secretaría Xeral de Cultura e o Consello da Cultura Galega, é produto do traballo e da colaboración da AAAG, Academia Galega do Audiovisual, Escena Galega e a Mostra de Cangas con Igualdade ao longo do último ano

Nas XVI Xornadas Mulleres en Acción, celebradas o pasado sábado no maco da XXXIII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, anunciouse a próxima posta en marcha do primeiro estudo sociolóxico, con perspectiva de xénero, para coñecer de primeira man a situación laboral das mulleres nas artes escénicas e audiovisuais galegas. Trátase dunha iniciativa impulsada grazas á implicación de diversos departamentos da administración pública e das principais asociacións profesionais do sector.

Así se explicou nunha palestra das Xornadas, na que participaron a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; María Armesto, directora artística da Mostra de Cangas; Belén Pichel, presidenta de Escena Galega; Tamara Canosa, vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual; e Laura Míguez, vogal da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. “Parécenos un primeiro paso enorme e imprescindible para poder corrixir desequilibrios. Estamos certas nesta Comisión de Igualdade [formada por Escena Galega, a AAAG, a Mostra de Teatro de Cangas e Academia Galega do Audiovisual] que estamos diante dun deber para todas, dunha prioridade para todas”, sinalou na súa intervención Laura Míguez.

Pola súa banda, Susana López Abella foi a encargada de “dar a boa nova” da posta en marcha deste estudo que contará coa participación de institucións como “a Agadic, a Secretaría Xeral de Cultura, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral de Igualdade”. López Abella, quen chegou a recoñecer que as artes escénicas e audiovisuais constituían un “ámbito abandonado” até agora pola Secretaría Xeral de Igualdade, sinalou que o próximo inicio deste estudo é o resultado dun longo traballo desenvolvido nos últimos meses. “As asociacións e a administración puxémonos a traballar neste proxecto dende o ano pasado, precisamente dende que participamos todas nun encontro das Xornadas Mulleres en Acción da edición anterior”, sinalou López Abella, antes de concluír que este estudo “servirá de diagnose da situación laboral da muller no ámbito da cultura e significará un primeiro paso para buscar o equilibrio”.

Belén Pichel, na súa intervención, celebrou a noticia e insistiu en que as “asociacións profesionais deben traballar xuntas para a igualdade, o labor conxunto é imprescindible”. Ademais, a presidenta de Escena Galega pediu “maior implicación nos centros de produción institucionais no ámbito artístico” e tamén “por parte dos festivais”, xa que se atopan “grandes descompensacións de xénero”.

Finalmente, Tamara Canosa reflexionou sobre a importancia desta iniciativa, xa que até que saian os seus resultados, o sector carecerá de “datos cuantitativos” sobre a situación laboral das mulleres nas artes escénicas e audiovisuais. “Neste noso ámbito non nos damos por aludidas, pensamos que non hai machismos; mais se cadra debemos decatarnos de que non estamos na vangarda da igualdade, senón que ás veces nos situamos no polo contrario”, reflexionou Canosa, concluíndo ao subliñar a importancia do sector como creador de imaxinario social.