Volver

A Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas principia o venres cun programa que inclúe a Chévere, Matarile e Teatro del Barrio

O sábado 9 de xullo celebrarase as XVI Xornadas Mulleres en Acción baixo o título O segundo sexo na cultura. No encontro participará a AAAG, xunto a Escena Galega, a Academia Galega do Audiovisual e a propia Mostra. O pregón de Marián Bañobre deste venres servirá de inauguración á Mostra.

A actriz e directora Marián Bañobre, de Ibuprofeno Teatro será a encargada do pregón inaugural da 33º Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que arrincará este venres 1 de xullo coa preestrea de Las Cervantas, unha montaxe encargada pola Biblioteca Nacional de España á escritora Inma Chácon co gallo da conmemoración do Ano Cervantes. A partir dese momento, e tras o pregón de Bañobre, Cangas acollerá até o sábado 9 de xullo, unha ampla programación na que están incluídas compañías do prestixio como Chévere, Matarile ou Teatro del Barrio e que este ano triplica a súa oferta de Teatro de Rúa. Así o explicou hoxe María Armesto, directora artística da Mostra, durante nunha presentación ante os medios no Salón Teatro na que tamén participaron Casilda Alfaro, responsable das actividades paralelas; Xesús Ron, Patricia de Lorenzo, Cristina Iglesias (Grupo Chévere), Baltasar Patiño (Matarile Teatro) Laura Muñoz (Mundo Mandarina) e o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen definiu a Mostra como “un dos festivais máis importantes de Galicia, estratéxico para o sector”.

A programación da Mostra incluirá sete actuacións no Auditorio Municipal. O sábado 2 de xullo ás 22:30 horas, Teatro del Barrio representará El Rey, obra escrita e dirixida por Alberto San Juan coa interpretación de Javier Gutiérrez, Guillermo Toledo e Luis Bermejo. O domingo 3, chegará a quenda de Las Princesas del Pacífico, comedia experimental da compañía andaluza La Estampida.

Pola súa banda, Matarile Teatro -que na actualidade está a celebrar trinta anos de traxectoria- presentará o mércores 6 de xullo a súa montaxe El cuello de la Jirafa. Trátase dun espectáculo que, en palabras de Patiño, segue a liña artística marcada dende os tempos do desaparecido Teatro Galán, respondendo ao modelo de “teatro de operacións” e pensando para unha gran proximidade co público.

O xoves e o venres terán lugar dúas estreas internacionais. A primeira delas será a produción Tête de Pioche, da francesa Heyaka Theatre, e Interrupted, de Teatro en Vilo, compañía fundada en Londres da que forma parte a galega Noemí Rodríguez. O domingoclausurarase a Mostra con Eroski Paraíso, produción de Chévere, formación que recibirá este ano o Premio Xiria ao labor Teatral.

Xornadas Mulleres en Acción

As XVI Xornadas de Mulleres en Acción celebraranse o sábado 9 de Xullo baixo o título O Segundo sexo na Cultura. “Seguindo a liña marcada o ano pasado, onde nos preguntabamos U-las actrices?, afondarase tamén neste ano na vida laboral das mulleres no seo das artes escénicas e audiovisuais. Nesas xornadas participaron a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega, a Academia Galega do Audiovisual e a propia mostra. Daquel encontro xurdiron unha serie de proxectos que anunciaremos nesta nova edición”, adiantou María Armesto sobre unhas xornadas cuxo título fai clara referencia a obra O segundo sexo, de Simone de Beauvoir.

As xornadas principiarán ás 17.00 horas na Sala de Exposición no Auditorio Municipal cun primeiro encontro titulado Construíndo a Igualdade nas Artes Escénicas e no Audiovisual. Nel participarán a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella; a vogal da Xunta Directiva da AAAG, Laura Míguez; a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Tamara Canosa, e a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel.

Acto seguido celebraranse dúas palestras sobre as políticas de igualdade no sector. A primeira delas, ás 17.30 horas, titularase O Xénero tamén se actúa: Que teñen en común as artistas musicais e as autopresentacións nas redes sociais?, impartida pola profesora universitaria Iolanda Tortajada. A segunda, que principiará ás 17:50 correrá a cargo de Cristina Rodríguez Orgaz e transcorrerá baixo o epígrafe Políticas de Igualdade nas Artes Escénicas. Por onde comezamos?

A xornada completarase coa presentación da organización Nora, presidida por Berta Ojea. O obxectivo desta entidade pasa por lograr a igualdade de xénero nas artes escénicas e na cultura. Ademais, Mabel Lozano, que recibirá o Premio Mulleres en Acción, presentará o making off da longametraxe documental Chicas Nuevas 24 horas. A xornada concluíra cun debate moderado por María Armesto.

Actividades Paralelas

“A Mostra caracterizouse por ser marco para un conxunto de actividades paralelas que, ao longo dos anos, prestixian a mostra. As actividades combinan iniciativas pedagóxicas, encontros ou exposicións”, sinalou Casilda Alfaro antes de detallar na rolda de prensa as liñas de acción deste ano.

Deste xeito, sinalou que este sábado 2 de xullo celebrarase o encontro Teatro e Sociedade: un compromiso coa cidadanía e que dende o venres, o vestíbulo do auditorio Municipal acollerá a 30 anos de Ningures, exposición de Diego Seixos sobre a traxectoria da compañía Teatro de Ningures. As actividades paralelas complétanse co curso de formación ofrecido por Andrés Lima, a o encontro entre programadores e asemblea xeral de Escena Galega, a presentación da Revista Galega de Teatro ou o Revoltallo, un programa diversificado de colaboración entre a Mostra e o tecido asociativo de Cangas e a súa contorna.

Teatro narúa.

Neste ano, a oferta de teatro na rúa triplica a súa presenza no programa e inclúe estreas internacionais como a que protagonizará Mundo Mandarina do seu espectáculo O meu avó é mago. Formacións como a portuguesa Cao à chuva, as galegas Desastronauts, Limiar Teatro, Dani García, Pisando Ovos e as compañías francesas Les Bleus de Travail e Circ'Hulon actuarán polas prazas e rúas de Cangas ao longo de toda a semana.

Podes consultar o programa completo nesta ligazón.