Volver

A MIT de Ribadavia ofrecerá un total de 20 montaxes entre o 16 e 24 de xullo

A MIT de Ribadavia, que fortalece a súa dimensión internacional, concede un especial protagonismo á mirada en femino da escena e atopa na memoria, a violencia e a arte os eixos temáticos da súa programación

“A memoria, a violencia, a palabra ou a arte serán os eixos temáticos, os motivos recorrentes sobre o que se construíu o programa cun total de 20 montaxes para esta 32º Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia”. Con estas palabras o director artístico da MIT, Roberto Pascual, resumiu a esencia do encontro -que se celebrará entre o 16 e o 24 de xullo- na presentación desta mañá na Cidade da Cultura. Pascual sinalou, ademais, que esta programación é “necesariamente ambiciosa” e procura reforzar o”s sinais de identidade” dun encontro que converte a localidade ourensá “na capital escénica de Galicia”. Un encontro artístico que, para o director da MIT, é “patrimonio xa de todos os galegos e galegas, non só exclusivamente de Ribadavia”.

Pascual quixo destacar desta edición dous elementos clave. O primeiro deles é a presentación en Galicia do traballo escénico de Oskaras Koršunovas, director do Teatro Municipal de Vilna. O autor lituano chegará a Ribadavia o día 23 de xullo coa súa visión do clásico ruso A Gaivota, de Antón Chéjov. Trátase dunha singular posta en escena nacida do laboratorio do seu teatro en Lituania e dos laboratorios escénicos que teñen lugar cada verán no Colexio de Teatro da Bienal de Venecia. Para Koršunovas, esta adaptación procura “diagnosticar as enfermidades do noso tempo, as pingas da nosa alma, empregando entoacións como escalpelos”. O dramaturgo lituano, ademais, busca fuxir de toda visión académica, xa que dende o seu punto de vista, a perspectiva academicista leva implícita por natureza “unha censura propiamente política”.

Por outra banda, Pascual salientou a presenza da Matarile, que celebra os trinta anos de carreira teatral que vén de cumprir a compañía. Na Estación 30º Aniversario-Matarile-Ribadavia, a formación presentarán El Cuello de la Jirafa, Teatro Invisible e Antes da Metralla. Esta última pasa por ser un encontro escénico co obxectivo de expor algunhas orientacións e interpretación da escena contemporánea con diversos profesionais como son Mónica García (bailarina), Eduardo Pérez-Rasilla (profesor da Universidade Carlos III), Carlos Aladro (novo director do Festival de Otoño), Ana Contraras (profesora na RESAD e directora), Lara Contraras (artista plástica) Ricardo Santana (coreógrafo e actor), Baltasar Patiño (escenógrafo e iluminador) e Ana Vallés (directora e dramaturga).

A MEMORIA

Pascual manifestou, ademais, que hai unha serie de montaxes presentes en Ribadavia cuxo cerne radica na memoria histórica, analizándoa dende distintas perspectivas e con diversas sensibilidades artísticas. Nesta liña, salientou a estrea de Voaxa e Carmín, obra de Esther Carrodeguas premiada na pasada edición do Premio Abrente. A montaxe, protagonizada por Mabel Rivera e Belén Constenla, céntrase nas figuras de Maruxa e Coralia Fandiño (coñecidas popularmente como As Dúas Marías) nun relato no que, en palabras do propio Pascual, “ a presenza da violencia, a represión franquista e o menosprezo social dunha sociedade gris” contrastan co “afán de vivir” de dúas represaliadas polas súas relacións e ideas políticas anarquistas. Producida por Em2, Butaca Zero e a MIT Ribadavia, Voaxa e Carmín estrearase no Auditorio do Castelo o 19 de xullo.

A memoria histórica tamén está presente como elemento clave noutras montaxes que pasarán por Ribadavia. É o caso de La piedra oscura,obra de Alberto Conejero producida por LaZona e o Centro Dramático Nacional (CDN), e Penal de Ocaña, de Nao D'Amores. Nun concepto amplo da memoria, tamén se pode incluír ao Grupo Chévere, que chegará o domingo 24 de xullo ao Auditorio do Castelo con Eroski Paraíso, protagonizada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cristina Iglesias. Unha obra que, para Pascual, constitúe un tratado “da memoria xeracional da transición e da democracia, dende unha perspectiva de transformación dos afectos”.

IBEROAMERICANO

No apartado iberoamericano, sempre relevante na MIT, destacan as estreas de dous espectáculos que teñen en común o protagonismo feminino e o tema da violencia exercida contra a muller. Por unha banda, cómpre destacar a presenza de Teatro Cinema, dirixida por Juan Carlos Zagal. A peza Historia de amor aborda a violencia dende a obsesión dun profesor por unha muller que acaba acosando e violando. Trátase da adaptación da novela homónima de Regis Jauffret e con posta en escena do propio Zagal, antigo membro da histórica compañía chilena La Troppa. A obra poderase ver no Auditorio do Castelo o mércores 20 de xullo. A outra peza sobre violencia é Trópico del Plata, do arxentino Rubén Sabadini. A produción é unipersoal feminino onde se fura no tema da trata de persoas e a inmigración, narrado coa forma dun poema salvaxe.

A programación complétase coa presenza de compañías como, entre outras, Atalaya, coa obra Madre Coraje; Ibuprofeno Teatro, con Fitness; Títeres Alakrán, con Os soños na gaiola, a francesa Yifán, con Gritando sin hacer mucho Ruído, ou a catalá Pelmànec, que representará a súa premiadísima Don Juan. Memoria amarga de mí. Deste xeito, a Mostra subliña a súa aposta pola internacionalización ao contar cun cartel que inclúe compañías de Lituania, Chile, Francia, Arxentina, Cataluña, Galicia e España.

Premio Abrente

Durante a celebración da Mostra de Ribadavia, darase a coñecer o texto gañador do XI Premio Abrente, cuxo prazo de entrega de orixinais remata este propio mércores. O xurado estará conformado pola actriz Marta Pérez, a actriz e secretaria da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Iria Sobrado; a dramaturga Esther Carrodeguas (gañadora do certame en 2015), María López, concelleira de Cultura de Ribadavia en calidade de presidenta e Roberto Pascual, como secretario.