Volver

Nace DRAMATURGA, a asociación das autoras e os autores dramáticos de Galicia

A Asociación presentouse no Salón Teatro nun acto en que se deu a coñecer o manifesto e a páxina web coa presenza de gran parte dos membros fundacionais.

Dramaturga pretende ser unha peza máis no constante proceso de consolidación e construción do sector das artes escénicas. Buscamos crear un espazo para visibilizar a actividade da dramaturxia e descubrirnos diante do conxunto da sociedade e da profesión”. Con estas palabras, Clara Gayo definiu as coordenadas polas que transitará Dramaturga, a asociación que aglutina as dramaturgas e dramaturgos galegos e que hoxe se presentou nun acto no Salón Teatro no que asistiron parte dos membros fundacionais da entidade (Santiago Cortegoso, Paula Carballeira, Roi Vidal, Cándido Pázo ou Lina Pérez, entre outras) e no que se deu a coñecer o Manifesto de Dramaturga e a páxina web da entidade.

Gayo, na súa intervención, lembrou que a dramaturxia “é parte imprescindible do feito teatral” e que esta asociación nacía co obxectivo de reivindicar a escrita teatral non só no eido profesional, senón tamén no social. “A dramaturxia é parte activa no fornecemento de cultura e do idioma en Galicia”, sentenciou Clara Gayo antes de cederlle a palabra a Roi Vidal que, conxuntamente con Zé Paredes, Paula Carballeira e Lina Pérez, leron o Manifesto fundacional de Dramaturga.

Baixo o título Mudarmos a historia! Asaltarmos o escenario!, o manifesto resume as inquedanzas e motivacións para a creación desta asociación e que funciona ao tempo de radiografía sobre a situación que atravesan os profesionais da escrita dramática. “Vítima dun argumento tan pobre que mesmo ousa desafiar de maneira groseira as leis da física, a dramaturxia galega nin se crea nin se transforma: destrúese”, arrinca o texto, antes de denunciar que “desde hai xa demasiado tempo, asistimos con indolencia á representación dunha posta en escena de moi baixa calidade: o riscado masivo da escrita dramática, o borrado sistemático das voces de noso abocadas, polas borrallas dun sistema deficiente e malintencionado, á condena do silencio”.

Terra de ninguén

No documento, Dramaturga denuncia que a literatura dramática galega viuse obrigada a unha "condición de terra de ninguén”. “Minimizada polos estudos académicos ante o dinamismo crítico que presentan a poesía ou a narrativa, está considerada polo eido editorial máis como unha obriga institucional que como unha aposta comprometida”, apunta o manifesto, que tamén se amosa crítico coa actitude e funcionamento dasadministracións. “Temos, asemade, o antagonismo daquelas personaxes que se supuñan amigas protectoras. As institucións públicas quitan os ollos, traizoan o destino e devoran a súa prole. Fano coas mentiras da mala política e ignorando o clamor do coro. E a traxedia devén en farsa”, lese no texto.

No manifesto tamén hai espazo para a celebración, xa que para Dramaturga destaca que vivimos “o momento máis luminoso da dramaturxia galega”. Unha realidade que, segundo o documento, se sustenta na convicción que outorga a realidade, “asentada nun número de autoras activas nunca superado e na variedade e orixinalidade” de formas e temáticas. “Nin nos tempos das Irmandades da Fala, nin nos da xeración Abrente foron tantas as voces que se expresaren desde e para o teatro”, engade a Asociación Dramaturga.

Reestruturación radical

A asociación remata o Manifesto lembrando, por unha banda, que a “dramaturxia galega contemporánea precisa unha reestruturación radical do sistema que lle permita regresar do exilio en que leva anos esquecida” e explicando, pola outra banda, a súa vontade de cara ao futuro: “Dramaturga é, desde hoxe, un corpo imprescindíbel da sociedade galega no seu conxunto e da cultura e o teatro en particular. Un corpo vivo, cheo de vitalidade e xuventude, mais tamén de experiencia e sentido crítico, que ofrece unha man a quen a queira tomar e unha voz a quen a queira oír.”

“Fiestra chea”

Trala lectura de Mudarmos a historia! Asaltarmos o escenario!, Carlos Santiago procedeu a presentar unha das ferramentas de Dramaturga: a súa páxina web. O portal servirá de “fiestra chea” para dar a coñecer a súa actividade ao conxunto da profesión e tamén á sociedade. O espazo inclúe un apartado de novas para o sector, un catálogo de dramaturgas e as convocatorias de premios. Tamén un foro interno de debate e comunicación interna.

O acto tamén contou coa participación da actriz Mónica Camaño, quen celebrou a creación de Dramaturga, xa que é “a asociación que faltaba na eterna consolidación das artes escénicas", e de Fefa Noia, directora do Centro Dramático, que explicou que “probablemente as dramaturgas non teñen que precisar do CDG, mais o CDG si que precisa necesariamente da dramaturxia galega". “A creación da Asociación era necesaria e urxente. Existía o talento, mais faltáballe unha organización”, sentenciou Noia.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) apoiou a presentación de Dramaturga coa presenza no acto do presidente da AAAG, Vicente Mohedano, e da vicepresidenta, Mabel Rivera.