Volver

Lectura dramatizada de "O Aniversario" de Diego Ameixeiras

Artur Trillo dirixirá en escena a Morris, Nacho Castaño e Monti Castiñeiras o vindeiro 28 de xaneiro

Por iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia, a AAAG en colaboración coa Fundación SGAE organiza esta lectura dramatizada en Santiago de Compostela.

O aniversario é unha peza policial centrada nun intenso interrogatorio ao sospeitoso de dous crimes. O seu autor, o xornalista, escritor e guionista Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976), é un especialista no xénero negro que atesoura diversos premios literarios. A posta en escena do seu texto será dirixida por Artur Trillo, reputado autor, actor e responsábel da compañía Talía Teatro. A terna actoral está conformada por Antonio Durán “Morris” (A esmorga, Padre Casares), Monti Castiñeiras (Serramoura, Matalobos) e Nacho Castaño (Os Atlánticos).

As lecturas dramatizadas ofrecen a oportunidade de coñecer novos textos a través dunha presentación realizada por profesionais da escena, aínda que sen a produción habitual dun espectáculo comercial. Estas propostas reúnen dramaturxia, interpretación, dirección, produción e público arredor dunha experiencia única: a estrea dunha obra nunca antes representada. A Fundación SGAE contribúe á difusión dos novos textos teatrais a través do seu Ciclo de Lecturas Dramatizadas, que celebra puntualmente en diversas Comunidades españolas dende 1995.