Volver

O Festival de Cans abre convocatoria de envío de curtas e clips e estrea a súa páxina web

O Festival estrea a súa nova web, con contidos de acceso máis áxil e cerca de 40 horas de contidos audiovisuais xerados desde a primeira edición

O Festival de Cans abre desde hoxe martes 12 de xaneiro a súa convocatoria de curtametraxes e videoclips a concurso para a súa XIII edición que está prevista que se celebre entre o 18 e o 21 de maio de 2016. A convocatoria estará aberta ata o día 4 de marzo e a ela poderán concurrir curtametraxes, videoclips e calquera tipo de peza curta dirixida por realizadores ou realizadoras galegas ao longo dos anos 2015 e 2016.

Para esta edición, a organización fixo un esforzo aumentando a contía en metálico dos premios ata os 6.200 euros, aumentando tamén a dotación do Premio do xurado á mellor curta, que pasará a ser de 2.000 euros fronte ós 1.500 da edición anterior. Este esforzo pretende ser un xesto do festival de apoio total aos novos cineastas e que o premio supoña unha motivación para poder continuar as súas traxectorias no futuro. Ademais da cantidade en metálico, os premiados recibirán o célebre Can de Pedra deseñado polo artesán da pedra Paco Candán, que en edicións anteriores levaron realizadores como Juan Galiñanes ou Dani de la Torre, con varias nominacións este ano aos Premios Goya e que medraron como curtametraxistas no festival. As curtametraxes e videoclips a concurso deberán inscribirse a través da plataforma dixital www.festhome.com e as bases ao completo poden descargarse na web do Festival de Cans www.festivaldecans.com.

Páxina web máis accesible

O Festival estrea tamén en paralelo a súa nova web, nun intento de facer máis accesible aos seus seguidores toda a información do evento. É unha páxina moito máis áxil, facilmente accesible desde calquera dispositivo e cunha completa información revisada e reformada, que vén complementar a posta en marcha da tenda virtual do festival a mediados de decembro.

Ademais da numerosa información arredor do festival e da aldea, durante varios meses un equipo de persoas traballou en rescatar o amplo arquivo audiovisual do festival desde a primeira edición. É un laborioso traballo, próximo ás 40 horas, que estará agora na web a disposición dos usuarios e que segue ampliándose con numerosas gravacións que se están a recuperar. Seguindo a filosofía de crear sinerxías de traballo con empresas locais e promover a economía de proximidade, o desenvolvemento da web foi realizado pola firma Quadralia e a organización do arquivo audiovisual pola produtora Siete Gatos Blancos, ambas as dúas empresas rexidas por mozos e mozas emprendedores porriñeses.

A Asociación Arela segue traballando para tratar de pechar os acordos definitivos co Concello do Porriño e coa Deputación de Pontevedra, que espera que se asinen ao longo deste mes para poder ter a confirmación do seu orzamento definitivo. Destas axudas dependerá que o festival poida desenvolverse ao longo dos catro días habituais ou se pola contra se verá obrigado a recortar o número de días de programación.

CONSULTA AQUÍ AS BASES DO FESTIVAL DE CANS 2016