Volver

A AAAG renova no seu 30º aniversario a súa web, o catálogo e crea unha base de datos dos María Casares

Etiquetas:

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fundada en 1985 completa trinta anos de traballo en prol da profesionalización e visibilización dos intérpretes no sector teatral e audiovisual

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia - AAAG celebra neste 2015 o seu trixésimo aniversario e aproveita a efeméride para renovar o seu portal web, crear unha base de datos dos Premios María Casares e repasar a súa historia, que non é outra que “a historia do asociacionismo no sector teatral e audiovisual”. Lembrouno así Vicente Mohedano, presidente da AAAG,nunha rolda de prensa celebrada esta mañá no Salón Teatro e na compaña de Jacobo Sutil, director da Agadic, e Isabel Blanco, delegada en Galicia da Fundación AISGE.

Este aniversario representa para a AAAG a oportunidade para realizar un percorrido pola súa historia desde a súa fundación en Compostela en 1985 até os nosos días, un período de trinta anos no que a Asociación impulsou a profesionalización dos actores e actrices tanto no terreo teatral coma no ámbito audiovisual. “En todos estes anos, a AAAG desenvolveu un traballo necesario en prol da dignificación de toda unha profesión, afondando na defensa dos dereitos laborais, na formación dos actores e actrices e tamén na visibilización do Teatro creando os Premios María Casares, que o próximo ano chegarán xa a súa vixésima edición”, explicou Mohedano, quen engadiu que na nova páxina web da AAAG se inclúen diferentes contidos para recuperar a historia da Asociación, como distintos vídeos co testemuño dalgúns dos fundadores do colectivo. Así, Mabel Rivera, Ernesto Chao, Gonzalo Uriarte, Luma Gómez ou Rosa Álvarez reviven ante a cámara a creación da AAAG, o nacemento do Centro Dramático Galego ou a negociación do Convenio Colectivo de Teatro.

Estes materiais recóllense nun novo portal -anovado co apoio da Agadic, a Deputación da Coruña e Aisge- que se suma ao dominio .gal e que se adapta a todo tipo de dispositivos, facilita a navegación e actualiza a interface dunha ferramenta que, como lembrou Mohedano, resulta “imprescindíbel como xanela ao mundo para comunicar a actividade da AAAG tanto aos membros da Asociación como á sociedade”. O proxecto de coordinación da web foi desenvolvido por Marta Horjales e Alberto Blanco, mentres que A Navalla Suíza se encargou de materializala.

Premios María Casares

A páxina web da AAAG inclúe nesta nova versión un portal específico dos Premios de Teatro María Casares que, desde a súa creación en 1997, conforman o grande escaparate da escena e unha celebración para todos os profesionais. Neste espazo específico preséntase unha ampla base de datos dos Premios, no que se recolle información de gran parte dos espectáculos presentados aos galardóns, as biografías dos galardoados co Premio de Honra Marisa Soto ou os Manifestos Galegos no Día Mundial do Teatro. Ademais, no portal dos María Casares inclúese por vez primeira unha ferramenta de votación en liña, de xeito que na próxima edición -a vixésima dos galardóns- todo o proceso de votación desenvolverase a través da rede. Facilitarase deste xeito o proceso, tanto para a organización coma para o censo de votantes, conformado por preto de 500 persoas entre socios e socias, gañadores e nomeados de todas as edicións, críticos, programadores e persoas destacábeis do mundo teatral.

O catálogo

A AAAG renova tamén o Catálogo en liña de actores e actrices. Esta ferramenta, que impulsou a Asociación desde 1990 na súa versión en papel, deu o salto á rede en 2008. Ese ano, a AAAG creaba o primeiro catálogo de intérpretes en liña de todo o estado para o que contou co apoio imprescindíbel da Fundación AISGE, entidade coa que a AAAG mantén unha longa e estreita colaboración. Agora, sete anos despois, a AAAG achega unha ferramenta actualizada, máis fácil de compartir e máis axeitada para a visibilización do traballo duns actores e dunhas actrices que poderán editar o seu propio espazo no catálogo, sen intermediación e permitindo unha rápida actualización dos seus datos profesionais.

Con todas estas novidades, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia continúa a desenvolver o seu traballo de difusión e visibilización do seu corpo asociativo neste ano que celebra o seu trixésimo aniversario e no que o colectivo repasa a súa traxectoria, mais tamén mira cara ao futuro dunha asociación que aglutina a preto de 300 profesionais.

Foto cortesía da Xunta de Galicia.