Volver

A AAAG e o audiovisual: unha defensa dende o principio

Dende a súa creación, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ten no sector o audiovisual ten o outro gran foco da súa actividade e das súas reivindicacións. Repasamos algúns momentos da vinculación da Asociación co sector.

O xurdimento da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) estivo estreitamente vencellado á fundación do Centro Dramático Galego (CDG) en 1984. A aparición da unidade de teatro público galego modificou os mecanismos cos que se estaban a desenvolver as compañías que, seguindo o rastro de Teatro Antroido e Troula, se lanzaron dende 1978 a realizar nos escenarios un traballo profesional. Nese intervalo, entre as primeiras estreas con vontade profesional naquel 1978 até a formación do CDG, as compañías vivían en certo xeito en espazos pechados, sen relacionarse entre si. En palabras de Luma Gómez, unha das fundadoras da AAAG, “eran núcleos pechados”. Co nacemento do CDG, todo mudou. Fomentáronse as interrelacións artísticas e persoais entre os intérpretes e xurdía, por vez primeira, o concepto de contratación. A necesidade de crear un marco laboral para o novo panorama impulsou o asociacionismo na profesión.

Á creación do CDG hai que unirlle en 1985 a aparición da Televisión de Galicia, cuxas primeiras emisións principiaron o 24 de xullo dese ano. Abríase un novo campo de traballo: o ámbito audiovisual. Malia que a canle pública tardaría en desenvolver proxectos de ficción, a necesidade de responder aos estatutos do ente –principalmente a divulgación da lingua propia– obrigaba a administración a contar cun corpo de intérpretes especializados na dobraxe. Así, seguindo os pasos da AAAG, formalizábase o 22 de outubro de 1985 a constitución de Apadega (Asociación Profesional de Actores de Dobraxe de Galicia) cuxo primeiro presidente foi Gonzalo Uriarte, precisamente o primeiro presidente que tivo a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

O audiovisual estaba polo tanto agromando e AAAG adiantouse, por outra banda, a aparición das primeiras producións de ficcións da TVG. “Unha das primeiras accións da AAAG foi darse a coñecer. E para o audiovisual, abrimos unha serie de embaixadas, de misións diplomáticas, para lles dicir as produtoras e á TVG que comezaba a emitir que aquí había unha asociación, unha representación dos intérpretes. Coa televisión negociouse un tipo de acordo cara ao futuro”, lembra Gonzalo Uriarte.

No caso das produtoras audiovisuais, aquelas que empregaban Galicia como escenario, houbo que realizar un traballo intenso á hora de establecer relacións. “Había películas que facían produtoras de fóra e nós considerabamos que había que ter unha parte de actores, tamén de técnicos, que fosen de aquí”, sinala Uriarte.

Por outra banda, cómpre destacar un ano fundamental para o audiovisual galego. Referímonos a 1989. Ese ano estreábanse tres producións pioneiras: Sempre Xonxa, Urxa e Continental. As tres películas conformaban unha sorte de tríade fundacional para un campo que, dende aquela, non deixou de medrar até ser considerado polo Executivo autonómico como “un sector estratéxico”. Ao longo dos noventa e nos primeiros anos do novo século a produción e o traballo interpretativo representou un terreo fértil que, coa chegada da crise en 2008, acabou por se resentir de forma notoria.

A aplicación do Convenio Estatal

A produción de ficción na TVG non chegaría até finais dos oitenta e principios de noventa. Con proxectos máis ou menos illados e de pouca duración. Malia todo, a AAAG entendeu a necesidade de establecer marcos laborais xa dende comezos da década dos noventa. Un punto de inflexión chegou coa proposta de instaurar o Convenio Estatal do Audiovisual, vixente dende 1995. “Producíanse feitos non admisibles nas producións audiovisuais, pagábanse actuacións a 15.000 pesetas. Era ridículo, sobre todo tendo en conta que había un Convenio estatal no ámbito do audiovisual. Reunímonos coas produtoras para crear un plan progresivo de aplicación do convenio”, lembra Xavier Estévez, secretario da AAAG durante os anos 1997 e 1998. Esa planificación á que se refire Estévez, constaba dunha duración de tres anos co obxectivo de normalizar laboralmente o ámbito. “No fondo, este empeño da asociación foi un antecedente importante para que, posteriormente e durante moitos anos, impulsaramos dende a AAAG a creación do I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro”, sinala Estévez, que non evita asegurar que tras esas primeiras reunións estivo “sen traballar cinco anos no audiovisual”.

No ano 2013, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia levou a cabo unha das súas mobilizacións máis fortes na defensa dos dereitos laborais do sector. Ese ano, cinco produtoras puxeron en marcha unha serie televisiva, O Faro, que habería de emitirse á volta do verán a través dos diferentes canles da FORTA. Os problemas radicaban, principalmente, en dúas cuestións. Por unha banda, a produción obviaba o Convenio Estatal, prescindindo de cuestións salarias, aspectos de dietas e horarios. Pola outra, a preocupación centrábase na lingua en que se rodaría e se emitiría nas canles públicas dos territorios nos que se conta cunha lingua propia. Ante esta situación, a Asociación foi a primeira en dar a voz de alamar en todo o estado e conseguiu a implicación da Federación de Artistas do Estado Español (FAEE) e de OSAEE (Organización de Sindicatos de Artistas do Estado Español). Con esta frente común, conseguiuse finalmente que as produtoras deran marcha atrás e cumplirar o Convenio.

Presenza na TVG

A AAAG, que dende as súas orixes tivo na visibilidade unha das súas principais preocupacións, tentou impulsar na Televisión de Galicia, como entidade pública, espazos que atendesen ao traballo interpretativo e teatral feito no país. “Houbo unha reivindicación, dende o nacemento da Asociación, en que a televisión crease os seus propios espazos teatrais? Que se conseguiu? Que se emitiran dúas ou tres pezas. Outras moitas quedaron gravadas, mais estan nalgún baúl dos recordos”, lembra Rosa Álvarez. Esa é unha das materias pendentes para unha Asociación que no audiovisual ten o outro gran punto do seu labor a prol da profesionalización e a visibilización do oficio interpretativo no país. Puido ser que todo comezara co teatro, mais non tardou en continuar co audiovisual.