Volver

MANIFESTO GALEGO DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2015

Etiquetas:

O escritor Xurxo Borrazás será o encargado de redactar e ler o Manifesto Galego do Teatro nestes XIX Premios de Teatro María Casares. O escritor titulou o seu texto cun directo Teatro. O autor subirá ao escenario do Teatro Rosalía de Castro o próximo 26 de marzo na gala dos galardons escénicos.

Teatro

Ser ... basicamente, é ser outro.

Desde cativos xogamos a ser trastes e a ser quen non somos, e no marco dese xogo xogamos outros xogos dramatizados, teatro dentro do teatro, coma se non houbese límites. Xogamos despois a construír o personaxe en escenas de familia, de amor, de revolta, de desamor... Buscamos papeis de adulto e disfrazámonos de adulto para resultar críbeis. Xogamos a ser traballadores, ou pais e nais, sen estar moi convencidos de que eses sexan os papeis da nosa vida. Dicimos que a vida en parella é teatro, que a oficina é teatro, que unha voda, un xuízo, un discurso ou un funeral son teatro. Preguntámonos que facemos aquí e afirmamos que toda a vida é teatro...

Quen lle dera!

No teatro non se perde o norte. Na vida, quen máis quen menos cae no erro de tomarse en serio. E que ocorre cando alguén se toma demasiado en serio? Primeiro que os demais o toman a broma, segundo que o serio se radicaliza e tenta prohibir as bromas. E para non caer no ridículo de prohibir unicamente as que lle fan a el, ou ela, prohíbeas todas, a ver se así non se nota.

No escenario máis extremo, nas dictaduras e as teocracias, prohíbese non só a escola, senón bailar e cantar, disfrazarse, a risa pública, a festa, a caricatura, e por suposto o teatro enteiro.

Aquí non.

Aquí somos civilizados e as autoridades non prohiben a festa, “sempre que sexa sá”, nin a protesta, “con tal que sexa construtiva”. Non se leva a ninguén ao cárcere por protestar, simplemente se lle mete unha multa de cabalo para que a próxima vez o pense dúas veces antes de dar un couce.

Da mesma maneira non se persegue o teatro, só se adurmece ninguneando as iniciativas ou menosprezando as compañías, racaneando o acceso ás salas, arrombándoo nas programacións culturais, desecando os orzamentos para a formación e o teatro público, subindo impostos para que o prezo actúe de barreira, renunciando á promoción... Ao teatro non hai que cortarlle os pés senón darlle patadiñas nas canelas e regalarlle ás de chumbo para que non voe, obrigar a que cada representación se convirta nunha epopea de actores e actrices que ao tempo deben ser directores, produtores, representantes, iluminadores, músicos, transportistas, maquilladores, escenógrafos, xastres, cobradores... e por suposto ter un traballo aparte que os manteña. O obxectivo último é impedir que o espectáculo se normalice e poida converterse en medio de vida digno, atraente e non desilusionante para quen se apaixone por el.

Aqueles que se toman en serio son sistemáticos. A mesma medicina aplícanllela á literatura, aos medios, mesmo á música... se é en galego, porque a nai de todos os obxectivos é conter a lingua galega como emblema da nosa cultura. Os serios non teñen nada contra o polbo á feira, a praia da Lanzada, o Pórtico da Gloria, o albariño de Cambados ou a romaría da Franqueira. Son os primeiros en chorar cando escoitan unha gaita. O que non aturan é a diferenza da lingua. De maneira que a representación de Galiza prefiren deixala en mans de Enrique Iglesias, David Meca, ou Marina Castaño.

E aínda así no teatro seguimos adiante, escachamos coa risa e fervemos cada vez que se descorre o pano e o público aplaude.

Que frío vai no mundo!

Xurxo Borrazás

O autor

Narrador, ensaísta e tradutor, Xurxo Borrazás naceu en Carballo en 1963. Licenciouse en Filoloxía Xermánica pola Universidade de Santiago de Compostela e, na actualidade, exerce de profesor de inglés nun centro de ensino secundario de Vigo, cidade na que reside desde 1990. A súa obra escrita abrangue tanto novelas como ensaios, como tamén traducións de textos de carácter científico e colaboracións en diversos medios de comunicación, como son El País, Praza Pública, Sermos Galiza ou Tempos Novos.

Manifesto.pdf Nota de prensa.pdf