Volver

Seminario Dramaturxias e Novas Linguaxes Escénicas impartido por Afonso Becerra de Becerreá

Etiquetas:

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a XXIX Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas colaboran na organización deste obradoiro.

Non hai teatro nin espectáculo sen unha dramaturxia que o estruture e lle dea sentido. Nos métodos e modelos de composición dramatúrxica radica a efectividade dun espectáculo. É nese ámbito onde se toman as decisións fundamentais e onde sen marcan os retos que despois haberá que realizar na posta en escena.

O teatro emprega unhas linguaxes escénicas, cun léxico e unha sintaxe específicas, que están en constante evolución, como acontece con outras linguaxes no resto das artes. A dramaturxia, entendida como enxeñaría teatral, ocúpase desta evolución das linguaxes e dos estilos, investiga e propón retos aos escenarios.

Así pois, para facer teatro é importante coñecer os elementos e os procedementos básicos de análise, creación e composición dramatúrxica, tamén algúns dos referentes históricos e contemporáneos que cambiaron e cambian a concepción das artes escénicas. E isto non é só necesario para quen se dedique a facer teatro, senón tamén unha oportunidade de afondar na percepción que temos da arte do teatro e afinar aínda máis o goce do noso padal, porque o gusto tamén se educa e é cultural (Non só somos o que comemos ou o que lemos, en teatro tamén somos o que vemos).

Temario

  • A composición de accións no modelo dramático clásico e na dramaturxia posdramática.
  • Análise dramatúrxica de espectáculos.
  • A evolución das linguaxes escénicas. A educación do gusto e os hábitos de recepción (L’école du spectateur).
  • Tipoloxías de acción. Composición e análise da acción. Tipoloxías de personaxe / actriz, actor / performer / figura, silueta. Composición e análise do personaxe.

Exercicios

  • Exposición e debate dos temas.
  • Análise de documentos audiovisuais e gravacións de espectáculos.
  • Composición e análise de casos prácticos.

O Docente

AFONSO BECERRA DE BECERREÁ. Dramaturgo e Director de escena. Licenciado en Arte Dramática na Escola Superior d’Art Dramàtic do Institut del Teatre de Barcelona, na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturias. Máster en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Premio Álvaro Cunqueiro 2001 de obras teatrais da Xunta de Galicia. Exerce a docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Publicacións: Dramatículas (Laiovento, 2010), É un dicir (Revista das Letras. Nº 833. 19/08/10. Galicia Hoxe), Burning Bright (“Infoxove” Nº 32, decembro 2008. Xunta de Galicia), Unha rosa entre as pernas (Casahamlet, 2007), Crio-Xénese (Laiovento, 2007), Dramaturxia. Teoría e práctica (Galaxia, 2007), Rexurdimento (RGT, 2006), Diálogo para cuatro sillas e Nó (“Estreno” XXXIII, 2006), O ritmo na dramaturxia (Universidade da Coruña, 2005) e Agnus Patris (Xerais, 2002). Traducións Publicadas: O principio de Arquímides de Josep Maria Miró Coromina (RGT Nº 71, 2012), O tempo de Lluïsa Cunillé (RGT Nº 67, 2011), Na meta de Thomas Bernhard, en colaboración con Ana Contreras (Difusoras das Letras, Artes e Ideas, 2010), A muller que perdía todos os avións de Josep Maria Miró Coromina (RGT Nº 63, 2010), Esquecer Barcelona de Carles Batlle (RGT Nº 59, 2009), Oasis de Carles Batlle (RGT Nº 55, 2008), O show de Kinsey de Jesús Díez (RGT Nº 54, 2008), Origami de Carlos Be (RGT Nº 50, 2007).

Compañías: No 2009 fundou, xunto a Ana Contreras, a Cía. ÓNFALO TEATRO S.L. coa que estrearon “Neuras” de Mª Xosé Queizán (Auditorio de Cangas, 18/11/09), e “NA META (Sálvese quen poida)” (MIT Ribadavia, 17/07/10) de Thomas Bernhard.

Espectáculos: “Rosalía 21” (Producciones Bles S.L. Teatro Mella da Habana, 23/02/08), “Porno” de Dani Salgado (Teatre Lliure de Barcelona, 22/04/04), “Assaig Obert” de Dani Salgado (Teatre Lliure de Barcelona, 2003), “¿Tiene fantasmas este castillo?” de Jordi Ardid (Històrica Produccions S.L. de Barcelona. Castell de Montjuïc, 15/07/02), “Paraules i records de Mossen Cinto Verdaguer” (Històrica Produccions S.L. de Barcelona. Vil•la Joana, 09/06/02), “Macbeth” de Shakespeare (Teatre Malic de Barcelona, 06/06/02), “Cavallitus” de Antonio Morcillo (Teatre Nacional de Catalunya. 32 Festival Internacional de Teatre de Sitges, 09/06/01), “Rexurdimento. Visións dun cego” (Nove Dous Teatro S.L. Auditorio do Carballiño, 15/10/2000), “La barca nova” de Ignasi Iglesias (Teatre Nacional de Catalunya, 06/10/99), “La doma de la furia”de Shakespeare (ITAE de Asturias. Palacio Valdés de Avilés, 14/06/96), “El porque de las cosas” de Quim Monzó (ITAE de Asturias. Sala Quiquilimón de Xixón, 04/03/96).

Pertence ao Consello de Redacción da RGT (Revista Galega de Teatro). É membro da AICT (Asociación Internacional de Crítica Teatral), da ADE (Asociación de Directores de Escena) e da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega).

Do 2006 ao 2009 formou parte do Consello Asesor do CDG (Centro Dramático Galego).

Dirixe a Asociación Cultural A Pipa de Becerreá desde 1988, que organiza o Certame Literario da Alta Montaña Luguesa e as Noites Poéticas inauguradas por Uxío Novoneyra en 1996.

Datas e duración: 15 horas lectivas co seguinte calendario: Do 3 ao 7 de Xullo: 11.00-14.00 horas. Día 7- Lectura dramatizada aberta ao público coa exposición dos traballos realizados no obradoiro.

Lugar: Auditorio Municipal de Cangas Avda de Lugo nº 25-27 36940 Cangas

Prazas: 15 prazas

Prezo: 50 Euros para socios de AAAG , A.C Xiria e alumnos da Escola Municipal de Teatro de Cangas. No caso de non socios o importe será de 75 Euros

Inscrición: Do 8 ao 26 de Xuño, enviando o formulario de inscrición anexo debidamente cuberto e adxuntando currículum vitae ao buzón de correo info@aaag.es ou mediante o formulario ao pé. A organización comunicará a selección de candidatos o día 27 de Xuño, tendo que facer a reserva de praza ingresando o importe do curso antes do día 29 de Xuño. No caso de anulación da reserva por parte do alumno a organización non se compromete á devolución do importe da mesma se a praza non se cubre

Forma de pago: Consulta o Pdf da convocatoria adxunto