Volver

Xosé Luís Méndez Ferrín, Presidente da Real Academia Galega, lerá o Manifiesto Galego do Día Internacional do Teatro nos XVI Premios María Casares

A lectura do texto, redactado polo propio literato, será un ingrediente máis da cerimonia que acontecerá o vindeiro 3 de abril, dende as 20:30 horas, no coruñés Teatro Rosalía de Castro. Nela entregaranse os galardóns das 13 categorías a concurso e máis o Premio Marisa Soto de Honra á Sala Nasa. É unha honra que aceptara a nosa petición, representando a unha institución como é a Real Academia Galega.

Xosé Luís Méndez Ferrín naceu en Ourense o 7 de agosto de 1938. A súa infancia e primeiros estudos transcorren nesta cidade, con estadías tamén, que se manterán ó longo da súa vida, na casa paterna de Vilanova dos Infantes (Celanova). Estes dous espazos serán protagonistas de moitos dos seus poemas, relatos e novelas. En 1949 trasládase coa familia a Pontevedra, onde publica os seus primeiros textos coñecidos (Litoral, 1954). Posteriormente, en 1955, trasládase a Vigo, cidade que será, con parénteses, a súa residencia definitiva, principal centro de actividade política e motivo literario de notábel importancia. Realiza estudos universitarios de Filoloxía primeiro en Compostela e logo en Madrid, onde funda con outros estudantes e obreiros o grupo Brais Pinto, de capital importancia na renovación cultural e política da Galicia de finais dos anos cincuenta. Destes anos son tamén os seus primeiros libros, que sorprenden a crítica pola súa precocidade, personalidade e madurez: Voce na néboa (1957) e Percival e outras historias (1958). Nos inicios dos anos sesenta participa na fundación da UPG, partido que por primeira vez asociaba o nacionalismo co marxismo. O seu activismo neste ámbito levouno á cadea franquista en varias ocasións (1967, 1968 e 1969-70) e á clandestinidade (1972). Despois de fundar o PGP, primeiro partido independentista, e aprobada a vixente Constitución, foi detido e preso en 1980 con cargos dos que logo sería absolto. A súa actividade política chega á actualidade, militando na Fronte Popular Galega, aínda que o cargo de Presidente da Real Academia Galega, para o que foi escollido en xaneiro de 2010, o apartou dos labores de dirección.

Tamén nos anos sesenta, ó tempo que publica a súa investigación sobre literatura medieval (O cancioneiro de Pero Meogo, 1966), mostra dunha paixón filolóxica que chega ós nosos días (Consultorio dos nomes e apelidos galegos, 2007), comeza a desempeñar o seu labor de profesor como catedrático de Ensino Medio no Instituto Santa Irene de Vigo, destino que ocupou ata a súa xubilación en 2009. No ámbito académico cómpre tamén indicar que en 1974 se doutorou na Universidade de Santiago cunha tese que logo sería manual de referencia (De Pondal a Novoneyra, 1984) e que a Universidade de Vigo o nomeou igualmente Doutor Honoris Causa en 1999. As achegas literarias de X. L. Méndez Ferrín, indisociábeis das realizadas no ámbito intelectual e das estritamente políticas, resultan xa non só indispensábeis senón mesmo basilares na configuración da Galicia contemporánea. Coma se a súa pituitaria tivese unha singular sensibilidade, Méndez Ferrín detectou o ?pole de ideas? da cultura e do pensamento universais sempre dun xeito precoz, o que o colocou tamén constantemente nunha posición de vangarda. Así, en contos e novelas, defendeu teoricamente e cultivou o que el mesmo chama Nova Narrativa (Arrabaldo do Norte), converteu o imaxinario artúrico nun mito mobilizador (Percival e outras historias, Amor de Artur), novelou varias tensións sociais da Galicia dos anos 50 e 60 (Antón e os inocentes, No ventre do silencio) ou construíu unha alegoría nacional (Jameson) coa que se asocia toda a súa produción: Retorno a Tagen Ata,Arnoia, Arnoia e Bretaña, Esmeraldina. O crepúsculo e as formigas, Elipsis e outras sombras, Crónica de nós ou Arraianos son notábeis conxuntos de relatos amplamente valorados pola crítica entre os que encontramos pezas maxistrais, comparábeis ás de Mérimée, Dieste ou Cortázar, por citar algúns dos seus mestres. O Méndez Ferrín poeta, que vén de Voce na néboa (1957), prodigouse nos anos sesenta e primeiros setenta con poesía política (Antoloxía popular e Poesía enteira de Heriberto Bens, nome do seu célebre heterónimo) distante do social-realismo. Con pólvora e magnolias de 1976 está considerado como un dos cumes poéticos do século XX e como vigoroso e brillante golpe de leme dado á poesía do seu tempo. O fin dun canto, Erótica, Estirpe, O outro ou Contra Maquieiro son entregas posteriores onde Méndez Ferrín volve sobre espiral dialéctica, símbolo político e literario, sobre a orixe e a identidade resistentes. O Ferrín articulista encheu páxinas e páxinas da prensa clandestina (Terra e Tempo, Espiral,Sempre en Galicia), asinadas co n pseudónimos ou heterónimos) ou da prensa exiliada (Vieiros) ou da prensa legal La Noche, Triunfo, El Pueblo Gallego, Hoja del Lunes, A Nosa Terra, Atlántico, Diario de Galicia, Faro de Vigo) Brilla aquí con luz propia o heterónimo, Dosinda Areses, no que a forte literaturización e o ferrete crítico a singularizan no xornalismo galego contemporáneo. Por outro lado, so a súa dirección, a revista A Trabe de Ouro vén acollendo nas súas páxinas, desde 1990 e con alto rigor intelectual, o pensamento crítico aberto a toda terra e tempo. Proposto en reiteradas ocasións como Premio Nobel de Literatura e considerado con numerosos premios, dono dunha lingua millonaria, dun estilo inconfundíbel, o caudaloso río literario de Méndez Ferrín, desde os anos cincuenta, vén irrigando e fertilizando o campo cultural e político galego, vén espellando, moitas veces en remuíños, o devalar de enxurradas e remansos, de soños e realidades, ás veces ásperas, ás veces esperanzadas, en que vive a Galicia contemporánea. Por Anxo Angueira (Perfil facilitado pola Real Academia Galega)