Volver

O dramaturgo e actor Carlos Santiago asina o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro

“Por unha banda, Carlos Santiago conta cunha longa traxectoria escénica, na que se combina con brillantez múltiples facetas do noso oficio. Pola outra, a AAAG quere reafirmar unha vez máis o seu apoio decidido a Carlos Santiago tras o acontecido despois de ler o pregón de entroido de Santiago de Compostela en 2018. Apoiamos a Carlos, poñemos en valor o seu traballo e, ao tempo, queremos subliñar tanto a nosa firme crenza coma a nosa máis clara defensa da liberdade de expresión e de creación artística”, sinala a Xunta Directiva.

O dramaturgo e actor Carlos Santiago asina o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, texto que lerá durante a gala dos Premios de Teatro María Casares que neste 2019 se celebrará o vindeiro xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) decidiu encargarlle a redacción do Manifesto a Carlos Santiago porque na súa figura conflúen varios elementos esencias. “Por unha banda, Carlos Santiago conta cunha longa traxectoria escénica, na que se combina con brillantez múltiples facetas do noso oficio. O noso compañeiro desenvolveu traballos de director, dramaturgo, iluminador, actor ou músico dende que iniciou a súa traxectoria hai xa trinta anos, vinculado na orixe á posta en marcha da Sala Nasa”, sinala a Xunta Directiva da AAAG, antes de destacar tamén o seu amplo traballo en Portugal, que o converteu nun “embaixador da nosa profesión no país veciño e irmán”.

“Por outra banda, a AAAG quere reafirmar unha vez máis o seu apoio decidido a Carlos Santiago tras o acontecido despois de ler o pregón de entroido de Santiago de Compostela en 2018. Apoiamos a Carlos, poñemos en valor o seu traballo e, ao tempo, queremos subliñar tanto a nosa firme crenza coma a nosa máis clara defensa da liberdade de expresión e de creación artística”, conclúe a Xunta Directiva da AAAG.

No seu Manifesto, Carlos Santiago desenvolve un discurso sobre a defensa da liberdade e a importancia dunha cultura libre para unha sociedade libre.”Unha lexión de artistas vén sendo convocada ultimamente perante os tribunais para daren conta das súas sátiras e das súas impertinencias”, sinala o manifesto ao tempo que denuncia que “o tecido cultural é difamado en tribunas e medios armados en nova inquisición”. “Que ten de perigoso o teatro, e por extensión a cultura, para alentar semellante caza de bruxas?”, pregúntase Carlos Santiago no texto antes de proclamar: “Viva o teatro e vivan os homes e as mulleres libres que o fan o posíbel?”

Así, Carlos Santiago incorpórase á longa nómina de persoeiros que nos últimos anos se encargaron de redactar e ler na gala dos María Casares o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Nesta listaxe, inclúense as xornalistas Montse Dopico e Camilo Franco, os escritores Xurxo Borrazás, María Xosé Queizán e Cesáreo Sánchez, o historiador Ramón Villares ou dramaturgos como o desaparecido Gustavo Pernas Cora.

Carlos Santiago

Carlos Santiago (Compostela, 1966) é músico, dramaturgo, poeta e actor. Iniciou a súa traxectoria artística na banda de rock compostelá Nicho Varullo, xunto con Fran Pérez Narf, Antonio Pérez e Pepe Sendón. Todos eles, na compaña de Xelís de Toro, fundaron a discográfica independente Spectra. Como músico, guionista e letrista, colaborou tamén con diferentes grupos teatrais como son a Compañía de María ou Mofa e Befa. Tras a disolución de Nicho Varullo, incorporouse á Banda da Nasa. En 1998, fundou a Psicofónica de Conxo, que publicaría dous lembrados discos: Psicópolis (2001) e Extramundi (2002).

No mundo teatral, Carlos Santiago incorporouse ao grupo Chévere en 1992, implicouse no nacemento da Sala Nasa, participou en incontables Ultranoites e colaborou en diversas montaxes da compañía (Big Bang, Cabaret Tan Tan, Annus Horribilis, Resaca ou Órbita Mutante). Na súa produción escénica, tamén destaca a súa colaboración como autor ou director con compañías como Trompicallo (Drácula, 2001), Bacana Producións (Ratman e Bobyn, 2002), Compañía Belmondo (Sidecar, 2003), Voadora (PeriFeria 2008), Teatro Biodegradábel de Ohio (Finlandia, 2009), o Centro Dramático Galego (Salomé, 2010), Volta e Dálle (Pan, 2008 e Dura Lex 2014), ou Mofa e Befa-Excéntricas (Cranios Privilexiados, 2017)

En Portugal, colabora habitualmente coa compañía tondelense Trigo Limpo Teatro Acert, coa que escribiu e dirixiu obras como Au Gaciar, Abraço de Ferro, Mamá Lusitânia ou Cicatriz; co GTN da Universidade de Lisboa, onde escribiu e dirixiu montaxes como Ascensão e Queda de Zé Grotewski, Teatro A Barraca de Lisboa, coa que asinou a montaxe infantil Nós temos os pés grandes porque somos muito altas, coa compañía alentejana Baal17 con pezas como Ruína ou Tráfico ou a viseense Zunzum-Teatro Onomatopeia con pezas como Além Calde ou Viagens com história. A súa obra tamén inclúe o cultivo da poesía, publicando libros como Metalurxia (Positivas, 1996).

A GALA

Carlos Santiago lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro na Gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares, que terá lugar o vindeiro xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os María Casares, organizados anualmente dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, conta co apoio e o patrocinio de institucións como a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturias (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou a Fundación SGAE.