Volver

Os XXII Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras

As obras 'Elisa e Marcela', de A Panadaría; 'A cabeza do dragón', de Producións Teatráis Excéntricas; e 'Resaca', de ilMaquinario Teatro, levan catro galardóns cada unha. Pola súa banda, 'Outono', de Pista Catro, e 'A galiña azul', de Tanxarina, levan cadanseu premio

Os XXII Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadores e gañadoras. O Teatro Rosalía Castro da Coruña vén de acoller esta noite unha cerimonia de entrega na que un total de 9 espectáculos competían nas catorce categorías nas que se dividen os galardóns do teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Á gala, que se retransmitiu en streaming polo web da TVG e por diferido na TVG2, acudiron máis de 500 convidados, entre profesionais do sector, asociados, xornalistas e convidados en xeral. Todos asistiron a unha gala ideada e conducida por Talía Teatro, que este ano artellou co acompañamento musical do Coro Encaixe e a dirección de Artur Trillo unha cerimonia que conmemoraba o 40 aniversario do teatro profesional en Galicia, xa que foi en 1978 cando as primeiras compañías profesionais estrearon no noso país as súas obras fundacionais. A gala estivo interpretada por Toño Casais, María Ordóñez, Marta Lado, Diego Rey, Rubén Prieto, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Dani Trillo, quen tamén se encargou do deseño da escenografía. Na cerimonia, a actriz Rosa Álvarez, socia número 1 da AAAG, recolleu o Premio de Honra Marisa Soto e Aldaolado, dúo arístico formado pola poetas María Lado e Lucía Aldao, leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. Ao Teatro Rosalía acudiron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o Concelleiro de Culturas do Concello da Coruña, José Manuel Sande; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, ou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Ao longo da noite déronse a coñecer os gañadores e gañadoras dos Premios María Casares deste 2018. Os galardóns quedaron moi repartidos, de xeito que os espectáculos Resaca, de ilMaquinario Teatro; Elisa e Marcela, de A Panadaría; e A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas, gañaron 4 premios María Casares cada un. Pola súa banda, Outono, de Pista Catro, fíxose cun galardón, e A galiña Azul, de Tanxarina, levou outro. O mellor espectáculo foi para Elisa e Marcela e o premio ao mellor espectáculo infantil, para A galiña azul. A relación de premios ficou así:

1. Elisa e Marcela, de A Panadaría (4 premios María Casares); mellor espectáculo, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado) e mellor texto orixinal (Areta Bolado, Ailén Kendelman, Noelia Castro e Gena Baamonde)

2. Resaca, de ilMaquinario Teatro (4 Premios María Casares): mellor actriz secundaria (Laura Míguez), mellor música orixinal (Vadim Yukhnevich), mellor escenografía (Laura Iturralde e Montse Piñeiro) e mellor iluminación (José Manuel Faro 'Coti').

3. A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas (4 premios María Casares): mellor actor protagonista (Iván Marcos), mellor actor secundario (Víctor Mosqueira), mellor adaptación/tradución (Quico Cadaval) e mellor vestiario (Suso Montero)

4. Outono, de Pista Catro (1 Premio María Casares): mellor maquillaxe (Trini F. Silva)

5. A galiña azul, de Tanxarina (1 Premio María Casares): mellor espectáculo infantil,

DISCURSO DA PRESIDENTA DA AAAG

No seu discurso, Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) realizou unha defensa tanto da igualdade como da liberdade de expresión. “Hoxe diríxome a todas vós empregando esta miña voz con pronuncia dun feminino tan plural coma universal. Se as miñas palabras levan esta sonoridade non é, ou non só é, por amosarme reivindicativa nin para sortear o machismo na linguaxe. E moito menos por incomodar. Pero se así é, só direi unha cousa: Non o sinto. Non o sentimos”, iniciou Nieves Rodríguez antes de engadir que para celebrar “corenta anos de teatro profesional en Galicia” cómpre lembrar que nos tempos das primeiras compañías profesionais as mulleres xa estaban alí “por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneirOS, impulsorES, precursorES, fundadorES”. Ademais, Nieves Rodríguez lembrou que as mulleres “estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá”, aínda que ese mañá, reflexionou a presidenta da AAAG, “ha ser ben diferente ao que vivimos”. “Ha ser un mañá cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas”, sentenciou.

Ao respecto da liberdade de expresión, Nieves Rodríguez continuou a falar dun mañá “no que se venza todo cerco á liberdade de expresión, no que se erradique a criminalización das palabras e no que non sexa necesario recorrer ao almanaque para defender un pregón, unha obra de arte, un libro, unha montaxe teatral”, xa que “ao falarmos dos dereitos referentes ao pensamento e a expresión, antóllase irrelevante que sexa Entroido, xoves ou verán”.

Por último, Nieves Rodríguez tamén dedicou atención ao Centro Dramático Galego, apuntando que a institución de teatro público naceu en 1984 a raíz “dun pacto entre a administración e a profesión”, pacto que “debe reeditarse” para que “o CDG de mañá non sexa o de hoxe”. “Ha ser un CDG no que nos identifiquemos tanto a profesión coma o público, no que a selección de elencos non acapare atencións, o que a produción propia non se reduza a un só espectáculo por temporada con dez intérpretes sobre o escenario”, concluíu Nieves Rodríguez.

O APOIO DE INSTITUCIÓNS E ENTIDADES

Os Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) de xeito anual dende 1997, son o gran escaparate do noso teatro cunha repercusión social e cultural que queda patenta pola nómina de institucións e entidades que colaboran e apoian na súa organización. Así, os XXII Premios de Teatro María Casares contan co patrocinio do Concello da Coruña a través da súa Concellaría de Culturas, da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Deputación da Coruña, do Padroado de Cultura do Concello de Narón, da Fundación AISGE, da Fundación SGAE, Gadis, TVG e Producciones Emsac.

GAÑADORES POR CATEGORÍAS

1. MELLOR MAQUILLAXE:

Trini F. SILVA por OUTONO, espectáculo da compañía Pista Catro

2. MELLOR VESTIARIO:

Suso Montero por A CABEZA DO DRAGÓN, espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas

3. MELLOR ESCENOGRAFÍA

Marta Iturralde e Montse Piñeiro por RESACA; espectáculo de ilMaquinario Teatro

4. MELLOR ILUMINACIÓN

José Manuel Faro 'Coti' por RESACA, espectáculo de ilMaquinario Teatro

5. MELLOR MÚSICA ORIXINAL

Vadim Yukhnevich por RESACA, espectáculo de ilMaquinario Teatro

6. MELLOR ADAPTACIÓN/TRADUCIÓN

Quico Cadaval por A CABEZA DO DRAGÓN, espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas

7. MELLOR TEXTO ORIXINAL

Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman e Gena Baamonde por ELISA E MARCELA, de A Panadaría.

8. MELLOR ACTOR SECUNDARIO

Víctor Mosqueira, por A CABEZA DO DRAGÓN, de producións Teatrais Excéntricas.

9. MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA

Laura Míguez, por RESACA, de IlMaquinario Teatro.

10. MELLOR ACTOR PROTAGONISTA

Iván Marcos, por A CABEZA DO DRAGÓN, de Producións Teatráis Excéntricas.

11. MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA

Areta Bolado, por ELISA E MARCELA, de A Panadaría

12. MELLOR DIRECCIÓN

Gena Baamonde, por Elisa e Marcela, de A Panadaría.

13. MELLOR ESPECTÁCULO INFANTIL

A GALIÑA AZUL, de Tanxarina

14. MELLOR ESPECTÁCULO

Elisa e Marcela, de A Panadaría

FOTO: LA DIAPO / AAAG