Volver

Hoxe celébrase a gala dos XXII Premios María Casares, que será retransmitida por streaming na web da TVG e en diferido pola TVG2

A gala poderase seguir en director por streaming na web da TVG ás 21.00 horas a través desta ligazón que estará operativa ao comezar a gala ás 21.00 horas. A TVG, pola súa segunda canle, emitará en diferido a gala ás 22.45.

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá hoxe, mércores 21 de marzo, a gala dos XXII Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados anualmente pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Este ano, un total de nove espectáculos finalistas compiten nas 14 categorías nas que se dividen os Premios. A gala, que será retransmitida por streaming a partir das 21.00 horas na páxina web da TVG nesta ligazón que estará operativa ao comezo da gala ás 21.00 horas e en diferido ás 22.45 pola segunda canle da Televisión de Galicia, estará conducida por Talía Teatro, baixo a dirección de Artur Trillo e co acompañamento musical do Coro Encaixe. O elenco da gala está conformado por Toño Casais, María Ordoñez, Rubén Prieto, Marta Lado, Marta Ríos, Xurxo Barcala, Dani Trillo e Diego Rey. Ademais, durante a gala, Rosa Álvarez recibirá o Premio de Honra Marisa Soto e Aldaolado, dúo artístico formado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, lerá o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. Ademais, a ilustradora Xulia Vicente encárgase da ilustración do cartel deste ano.

Os Premios de Teatro María Casares divídense en catorce categorías e nesta edición,un total de nove espectáculos compiten polas galardóns. A compañía ilMaquinario Teatro, co seu espectáculo Resaca, opta a levar 10 María Casares, mentres que Martes de Carnaval, do Centro Dramático Galego (CDG), aspira a 9 dos premios. Pola súa banda, a obra A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas, e Soño dunha noite de verán, de Voadora, compiten en sete categorías. Elisa e Marcela, de A Panadaría, está en liza en seis apartados e Outono, de Pista Catro, en dous. Pum! Pum!, de Baobab Teatro; A galiña azul, de Tanxarina, e Fillos do Sol, de Contraproducións e FIOT Carballo, están finalistas nunha categoría. Polo premio ao mellor espectáculo compiten Soño dunha noite de verán, Resaca e Elisa e Marcela. No caso do espectáculo infantil, A galiña azul, Pum! Pum! e Outono.

Aniversario

A gala desta edición celebrará o 40 aniversario do teatro profesional en Galicia, xa que foi en 1978 cando as primeiras compañías profesionais estrearon os seus primeiros espectáculos. Deste xeito, Talía trazará unha pequena viaxe pola historia do noso teatro profesional e reflexionará, sempre con humor e cariño, sobre o significado de ser teatreiro ou teatreira no noso país. Ademais, coincide que neste 2018 celébrase aniversario, xa que Talía cumpre trinta anos de traxectoria profesional. A AAAG decidiu confiarlle a Talía a dirección e condución da gala neste 2018 por ser unha compañía histórica da nosa escena, cunha traxectoria ben recoñecida e de prestixio.

Os Premios María Casa son os galardóns do teatro galego organizados pola AAAG dende 1997 e con eles se premia a excelencia teatral en todas as vertentes do feito teatral. Estes galardóns son o gran escaparate da nosa escena, así como tamén dos seus profesionais. A súa relevancia social e cultural demóstrase cada ano coa implicación de diferentes institucións e entidades que colaboran e apoian os María Casares. Nesta edición, os Premios contan co patrocinio da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Vicepresidencia da Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura de Narón, da Fundación AISGE, da Fundación SGAE, Gadis e Producciones Emsac.