Volver

O CGAI proxectará mañá martes coa colaboración da AAAG ‘O testamento de Orfeo’ en homenaxe a María Casares

A película de Jean Cocteau, que conta no elenco con María Casares,poderase ver de balde até completar o aforo ás 20.30 h. Aproxección enmárcase dentro das actividades paralelas que a AAAG organiza pola gala dos Premios de Teatro María Casares

O Centro Galego de Artes de Imaxe (CGAI) proxectará mañá martes 20 de marzo, véspera da gala dos XXII Premios de Teatro María Casares, a película O testamento de Orfeo, célebre fita do director francés Jean Cocteau que conta no seu elenco coa actriz nacida na Coruña que lle dá nome aos premios de teatro organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). A sesión, que terá lugar ás 20.30 h., será de balde e de entrada libre até completar as localidades da sala do CGAI (Rúa Durán Loriga, nº10. A Coruña). Esta proxección enmárcase dentro das actividades paralelas que no últimos anos a AAAG organiza para lembrar e homenaxear a María Casares, quen aceptou ceder o seu nome aos premios do teatro galego.

O testamento de Orfeo (Le testament d’Orphée, ou ne me demandez pas porquoi!) película dirixida por Jean Cocteau en 1960 e interpretada por Jean Cocteau, Françoise Arnoul, Claudine Auger, trata dun poeta que ve como se achega a hora da morte e decide facer balance da súa vida e da súa obra. Entre soños de inmortalidade e ansias de renacemento irá desfilando unha serie de surrealistas personaxes, nunha precisa análise das inspiracións, fobias e obsesións do artista.

A GALA

Os XXII Premios de Teatro María Casares, organizados anualmente dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, celebrarase este mércores 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña cunha gala conducida por Talía Teatro baixo a dirección de Artur Trillo, interpretada por Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Marta Lado, Marta Ríos, Diego Rey, Dani Trillo, María Ordoñez e Toño Casais e o acompañamento musical do Coro Encaixe. Durante a gala, Rosa Álvarez recibirá o Premio de Honra e Aldaolado lerán o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro

Nesta edición, un total de 9 espectáculos son finalistas nos Premios de Teatro María Casares. Resaca, de ilMaquinario Teatro, é a montaxe con maior número finalistas ao optar a 10 galardóns. Pola súa banda, Martes de Carnaval, do Centro Dramático Galego (CDG), aspira a 9 galardóns; mentres que Soño dunha noite de verán, de Voadora, e A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas, compiten en 7 apartados. Elisa e Marcela, de A Panadaría, aspira a 6 galardóns e Outono, de Pista Catro, a 2 xerras. Cun finalista atópanse os espectáculos A galiña azul, de Tanxarina Teatro; Fillos do Sol, de Contraproducións, e Pum! Pum!, de Baobab Teatro.

Os Premios María Casares son os galardóns do teatro galego organizados pola AAAG dende 1997 e con eles se premia a excelencia teatral en todas as vertentes do feito teatral. Estes galardóns son o gran escaparate da nosa escena, así como tamén dos seus profesionais. A súa relevancia social e cultural demóstrase cada ano coa implicación de diferentes institucións e entidades que colaboran e apoian os María Casares. Nesta edición, os Premios contan co patrocinio da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Vicepresidencia da Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, da Fundación AISGE, da Fundación SGAE, Gadis e Producciones Emsac. A gala, que comezará ás 20.30 h. conta ademais coa colaboración da TVG, que retransmitirá a gala en diferido pola súa segunda gala a partir das 22.45 h. e pola súa páxina web en directo, a través de streaming