Volver

A Revista Galega de Teatro, Premio de Honra Marisa Soto 2016

O galardón recoñece a traxectoria da histórica publicación e será entregado no transcorrer da gala dos premios de teatro o mércores 30 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelle este ano a Revista Galega de Teatro o Premio de Honra Marisa Soto, galardón que recoñece a longa traxectoria desta histórica publicación que ao longo das décadas serviu de espello e canle de información da actividade teatral. O premio será entregado durante a gala dos XX Premios María Casares, que se celebrará no Teatro Rosalía da Coruña o próximo 30 de marzo. Deste xeito, a Revista Galega de Teatro (RGT) únese á nómina de profesionais, entidades e colectivos teatrais que recibiron o citado premio dende a súa creación en 1997. Nesta lista de ilustres homenaxeados atópanse, entre outros, Maruxa Villanueva, Ana Romaní, Manuel Lourenzo, a Sala Nasa, Xosé Manuel Olveira Pico ou Vicente Montoto.

A directiva da AAAG, encargada de outorgar este galardón, recoñece así o labor da Revista Galega de Teatro como ferramenta imprescindible de difusión da actividade teatral. “Este é un recoñecemento inescusable que tardamos en facer dende a Asociación e quixemos concederllo neste ano tan especial, no que celebramos a vixésima edición dos nosos premios”, sinala Vicente Mohedano, presidente da AAAG. Para Mohedano, a RGT é un exemplo dentro do xornalismo cultural do país que sempre “creou debate” ao redor das artes escénicas, “informou sobre a realidade do sector” e “alimentou a crítica”. “Estes tres elementos son esencias para o desenvolvemento dun sistema teatral que precisa de iniciativas tan importantes e tan comprometidas como é a Revista Galega de Teatro”, sentencia Mohedano.

A AAAG creou o Premio de Honra Marisa Soto co obxectivo de distinguir a dedicación e a carreira de persoas ou entidades que, ao longo dos anos, impulsaron a dignidade e a profesionalización do sector escénico en Galicia

Os Premios de Teatro María Casares chegan neste 2016 á súa vixésima edición. Este ano, 14 son os espectáculos finalistas que se disputarán os galardóns das catorce categorías nas que se dividen os premios. O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, aspira a levar 8 galardóns; Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, opta a sete, e Presidente, do Teatro do Morcego, aspira a cinco. A gala celebrarase no Teatro Rosalía da Coruña o próximo 30 de marzo, estará presentada polo grupo Chévere e, como é habitual, conta coa colaboración e patrocinio de institucións como a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña ou o Concello da Coruña.

Historia da Revista Galega do Teatro

A Revista Galega de Teatro ten unha sorte de prehistoria no Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega, cuxo número 0 aparece en Vigo en 1983. O obxectivo, dende aquela primeira publicación, é fundamentalmente “dar un paso máis no camiño da normalización teatral en Galicia. Unha normalización que consistía –e consiste tamén a día de hoxe– en informar sobre a actividade teatral.” Esa meta xamais cambiaría, mais si a súa cabeceira. Porque tras o peche da sección de Vigo da Escola Dramática Galega, o Boletín pasaría a coñecerse como Información Teatral e máis tarde, a partir do número 11 bautizaríase de xeito definitivo co actual Revista Galega de Teatro. Mudaba o nome, non os principios.

Ao longo destes 33 anos, a Revista Galega de Teatro sempre estivo presidida pola independencia de calquera opción partidista ou corporativa, a procura do rigor e a honestidade informativa, a atención preferente do noso teatro, mais sen descoidar a curiosidade polas manifestacións artísticas alén das nosas fronteiras. Esas son as coordenadas que guían o seu labor dende os seus principios e que serven de folla de ruta para un consello de redacción que, na actualidade, está constituída por Che Mariño, Xosé M. Pazos, Pedro P. Riobó, Manuel Xestoso, Inma López Silva, Vanessa Sotelo, Casilda Alfaro, Gonzalo Rodríguez, Roberto Pascual, Afonso Becerra e Antón Lamapereira. Ao seu traballo hai que engadirlle o labor imprescindible dun gran feixe de colaboradores.

Por norma, a estrutura da revista responde a unha serie de seccións: Editorial, Banda Deseñada, Temas –un breve monográfico por trimestre-, Escena Aberta –crónicas de festivais- Entrevistas, Libros, Críticas de Espectáculos, Ficheiro e Textos.

A revista susténtase grazas á Asociación Cultural Entre Bambalinas. O seu financiamento depende principalmente das subscricións, da venda en librarías, da inclusión de publicidade e dos acordos de colaboración con entidades como o Cercle Artistic de Menorca ou a Fundación Aisge. Tamén recibe de forma puntual subvencións de diferentes Administracións, sendo obrigatorio citar a colaboración loxística do Concello de Cangas.

Dende o número 8, a RGT incluíu textos dramáticos, inaugurando a colección “2132” un texto de Roberto Vidal Bolaño. A partir de alí, un gran número de dramaturgos e dramaturgas galegas seguiron a súa senda publicando na citada colección. Euloxio Ruibal, Luísa Villalta, Manuel Forcadela, Lino Braxe, Manuel Lourenzo, Vanesa Sotelo, Clara Gayo ou Rubén Ruibal son algúns exemplos. A nómina complétase coas traducións ao galego de Iztiar Pascual, Juan Mayorga, Michel Azama, Suzanne Lebeau, etc. Préstaselle tamén unha atención especial á edición de textos en lingua portuguesa de autores como Abel Neves ou Marta Freitas. A RGT leva editado máis de setenta textos.

A Asociación Cultural Entre Bambalinas emprendeu outra serie de iniciativas en paralelo á Revista e de gran calado para o sistema teatral. Ademais da mencionada colección, creou en 1995 en colaboración co Concello de Cangas e a Compañía Teatro de Ningures o Fondo Teatral María Casares na Biblioteca de Cangas, formado pola cesión de fondos e diversas coleccións de revistas especializadas. Outro proxecto de gran importancia foi a posto en marcha o Teatro Crítico Universal. Blog de crítica de espectáculos da RGT en 2014, coa participación de críticos como son Manuel Xestoso, Roi Vidal, Inma López Silva, Carla Capeáns, Camilo Franco ou Afonso Becerra. Tamén cómpre destacar a convocatoria do Certame de Banda Deseñada sobre Teatro, que leva xa cinco edicións.

O Premio de Honra Marisa Soto únese a unha serie de recoñecementos que a revista xa recibiu. Entre eles, destacan o VII Premio Xiria ao Labor Teatral 1993, a Medalla ADE 2006, Medalla CELCIT 2010, Premio FEGATEA 2010, o Premio Máscara Teatro 2011 ou o Premio de Honra Abrente 2013.