Volver

Nomeados aos XVII Premios de Teatro María Casares

Os finalistas déronse a coñecer na VI Festa dos Nomeados, evento que tivo lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames). Máis de 150 profesionais do sector acudiron ao acto, que foi conducido pola actriz Isabel Risco.

En total, 17 espectáculos conseguiron finalmente algún nomeamento nas trece categorías coa que contan os galardóns. Durante o prazo de inscrición aos María Casares, 28 espectáculos e 239 profesionais do sector presentaron as súas candidaturas aos trece apartados dos premios: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación-tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.

Tedes a lista completa no adxunto, á dereita desta nova

Viaxe a ningunha parte, de Sarabela Teatro, converteuse na montaxe con maior número de finalistas, ao obter un total de 10 nomeamentos, incluíndo ao mellor espectáculo e á dirección. Tokio 3, de Voadora, aspira a 9 galardóns, entre eles tamén o de dirección e espectáculo. O metodo Grönholm, de Talía Teatro, é a terceira produción con maior número de finalistas, ao optar ao premio en 5 categorías. Pola súa banda, o musical Galicia Caníbal, de Filmanova Invest SA, podería acadar até 3 xerras dos María Casares.

As obras Currículum Vitae, de Redrum Teatro; Decamerón. Historias para tempos ruíns, de Abrapalabra Creacións Escénicas; A función do tequila, de Teatro do Morcego; Malos Hábitos, de Iolanda Muíños e Camila Bossa, e Pequenos actos pseudorrevolucionarios que non serven para cambiar o mundo, pero fan que quedemos máis tranquilos, de Ibuprofeno Teatro, lograron dous postos finalistas. Cun nomeamento sitúanse os espectáculos O fantabuloso cine ambulante dos Irmáns Lumieira, dos Irmáns Lumieira; O profesional, do Centro Dramático Galego; ¡Lalelo!, de Lospregos; Snakizados. Comedia da fin do mundo, de Ancora Produccións; Románticos!, de Producións Teatráis Excéntricas; Kafka e a boneca viaxeira, de Eme2; Nuncabunga, de Elefante Elegante, e Desfeitos, de Teatro Galileo. Todos os nomeados recibiron un diploma acreditativo durante o evento.