Onde quer que exista sociedade humana, maniféstase o irreprimíbel espírito da representación.
Debaixo das árbores nas pequenas cidades e sobre os palcos sofisticados das grandes metrópoles; nas entradas das escolas, nos campos, nos templos; nos barrios pobres, prazas públicas, centros comunitarios e sotos do centro das cidades, as persoas reúnense, comunícanse, en torno aos efémeros mundos teatrais que creamos para expresar a nosa complexidade humana, a nosa diversidade, a nosa vulnerabilidade, en carne e oso e respiración e voz.
Reunímonos para chorar e para recordar; para rir e para contemplar; para aprender, para afirmar e para imaxinar. Para admirar a destreza técnica, e para encarnar deuses. Para recuperarmos o folgo colectivo da nosa capacidade para a beleza e a compaixón e a monstruosidade. Chegamos para ser enerxizados e fortalecidos. Para celebrar a riqueza das diferentes culturas e para disolver as fronteiras que nos dividen.
Onde quer que exista sociedade humana, maniféstase o irreprimíbel espírito da representación. Nacido da comunidade, viste as máscaras e os traxes das máis variadas tradicións. Aproveita as nosas línguas e ritmos e xestos, e abre espazos entre nós.
E nós, os artistas que traballamos con este espírito ancestral, sentímonos compelidos a canalizá-lo a través dos nosos corazóns, das nosas ideas e dos nosos corpos, para revelar as nosas realidades en todo o seu mundano e rutilante misterio.
Mais, nesta época na que tantos millóns de persoas loitan para sobrevivir, sofren baixo reximes opresivos e capitalismos predadores, foxen de conflitos e dificuldades; na que a nosa privacidade é invadida por servizos secretos e as nosas palabras censuradas por gobernos intrusivos; na que as florestas son aniquiladas, as especies exterminadas e os océanos envenenados: o que será que debemos revelar?
Neste mundo de poder desigual, en que varias ordes hexemónicas tentan convencernos de que unha nación, unha raza, un xénero, unha preferencia sexual, unha relixión, unha ideoloxía, un cadro cultural, é superior a todos os outros, pode alguén defender que as artes deben ser afastadas das axendas sociais?
E nós, os artistas de arenas e palcos, iremos concordar coas asépticas demandas do mercado, ou aproveitaremos o noso poder: para abrir espazos nos corazóns e nas mentes da sociedade, para reunir persoas, para inspirar, encantar e informar, para crear un mundo de esperanza e de colaboración sincera?
Brett Bailey
Brett Bailey é un dramaturgo, deseñador, director teatral e artista plástico surafricano. É o director artístico da compañía THIRD WORLD BUNFIGHT.
International Theatre Institute, ITI.