Os premios

Toda a información sobre os María Casares

Por que María Casares?

Nada na Coruña en 1922, María Casares foi unha actriz de teatro e cinema que triunfou no seu exilio na Francia, onde residía - tras o golpe militar de 1936 - por ser filla de Santiago Casares Quiroga, Ministro e Xefe de Goberno da República Española baixo a presidencia de Manuel Azaña.

Maria Casarès - este é o nome con que creceu na escena francesa - integrou xunto a Edwige Feuillère e Madeleine Renaud o grupo de tráxicas máis notable da súa xeración.

Protagonizou varias obras escritas por Camus, como O malentendido, Estado de sitio e Os xustos. Representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, e chegou a converterse en musa do existencialismo francés. Interpretou a Lady Macbeth, María Tudor, Ana Petrova, etc. en obras de Shakespeare, Victor Hugo, Chekhov, Ibsen, Eurípides, entre moitos outros.

Entrou na Comédie Française e no Teatro Nacional Popular (TNP) - compañía pública con forte preocupación social - ademais de participar na creación e potenciamento do Festival de Avignon. En 1996, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galicia levasen o seu nome, mais faleceu antes de que puidese celebrarse a primeira edición.