Os premios
Toda a información sobre os María Casares
Os premios
Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados en 1997 pola AAAG a fin de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral.
Optan aos Premios María Casares as producións teatrais estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano anterior á súa concesion, así como todo o corpo profesional participante nas citadas montaxes.
A Gala de entrega dos Premios María Casares celébrase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña en datas próximas ao Día Mundial do Teatro, o 27 de marzo. Conta coa inestimábel colaboración do Concello da Coruña, cidade da que a actriz María Casares é filla predilecta.
Os votantes e as categorías
O censo de votantes congrega - ademais do colectivo de membros da AAAG - a responsábeis da xestión e programación teatral, profesionais da crítica, etc. Ademais, adquiren dereito a voto as persoas e entidades nomeadas nas edicións anteriores. En total máis de 450 profesionais das artes escénicas.
Os galardóns constan de catorce categorías ou apartados representativos do traballo realizado antes e despois de o pano ser levantado. Na XIX Edición, acrecentouse unha nova categoría para premiar o mellor Espectáculo Infantil do ano.
As 14 categorías premiadas son:
- Maquillaxe
- Vestiario
- Iluminación
- Música orixinal
- Adaptación / tradución
- Texto orixinal
- Escenografía
- Actor secundario
- Actriz secundaria
- Actor protagonista
- Actriz protagonista
- Dirección
- Espectáculo infantil
- Espectáculo
Ademais, o Premio de Honra Marisa Soto é outorgado pola Xunta Directiva da AAAG para recoñecer persoas e entidades de traxectoria e labor profesional encomiábel en prol do Teatro.