Volver

Sala Nasa

Na compostelá rúa de San Lourenzo, abriu as súas portas en 1992 a Sala Nasa. O grupo Chévere fundaba así un referente histórico para as artes escénicas do país que permaneceu aberto até o ano 2011. Case dúas décadas ininterrompidas de programación e compromiso social dun recinto que se definiu dende a súa fundación como “unha iniciativa privada de autoxestión, colectiva, aberta e independente”, que xurdiu dende a sociedade civil, “promovida por artistas todos eles vencellados a Chévere” e co obxectivo de acoller todo tipo de manifestacións artísticas e culturais. Así se pode ler na primeira páxina do Caderno de Bitácora desta NAve de Servizos Artísticos.

O local no que se instalou a Sala Nasa era un antigo garaxe abandonado que os promotores transformaron pouco a pouco nunha sala independente pola que pasou, ao longo dos anos, gran parte da historia escénica de Galicia, así como compañías e grupos musicais do exterior. No interior da sala, entre as diversas iniciativas culturais que se impulsaron, creáronse as chamadas Ultranoites, formatos de cabaré nos que a improvisación, a colaboración artística e o humor convertíanse nos principais alicerces. Polas Ultranoites pasaron unha boa nómina de artistas de diferentes disciplinas, dende o teatro á danza, pasando pola música ou o circo. A Sala Nasa serviu, deste xeito, como base para as actividades culturais para o grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro de 2014, mais tamén de plataforma de proxección para moitos talentos artísticos que comezaron a dar os seus primeiros pasos profesionais.

Durante as súas décadas de historia, a Sala Nasa funcionou cunha serie de prioridades que buscaban tanto fomentar o intercambio de experiencias entre colectivos e organizacións dentro como fomentar e producir novas iniciativas culturais. A Nasa tamén funcionou como centro de recursos artísticos para os creadores que o precisasen, acollendo a formacións e artistas novelas que, por falta de experiencia, atopaban outras portas pechadas. Finalmente, a Sala Nasa serviu tamén para dinamizar a actividade cultural dunha cidade como Santiago, do mesmo xeito que potenciou a visibilidade desas propostas que, fóra do circuíto comercial e institucional de grandes aforamentos, só podían recorrer á Sala Nasa como espazo de expresión.

A Nasa pechou definitivamente as súas portas no ano 2011, debido principalmente ás dificultades económicas e a falta de apoio e sintonía co novo Goberno local saídos das urnas nas eleccións municipais dese mesmo ano.

XVI Edición | 2012

Premio de honra