Volver

Ana Romaní

Escritora e xornalista. Desde 1990 dirixe o emblemático programa Diario Cultural, da Radio Galega, recoñecido cunha longa nómina de galardóns, entre os que se poden destacar o I Premio Irmandade do Libro (1992), Premio Xerais á cooperación no labor cultural (1999), Premio San Martiño á Normalización Lingüística e Cultural (2002), Premio da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (2007), Premio ao Fomento da Lectura na modalidade de Radio da Federación de Gremios de Editores de España (2007) ou Premio Atlántida á xornalista radiofonica do Gremi de Editors de Catalunya (2008)

Romaní é autora dos poemarios Palabra de Mar (Autoedición,1987), Das ultimas mareas (Espiral Maior, 1994) , Arden (Espiral Maior, 1998), Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (col. Poeta en Compostela, 2005) e o conto Marmelada de amoras (col. Biblioteca Nova 33, 1997). A sua obra, ademais, está recollida en diversos libros colectivos e antoloxias.

Realiza a Antoloxia de Anton Avilés de Taramancos, para Editorial Galaxia (2003) con motivo da concesión das Letras Galegas ao autor noiés. Coordina e promove o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar, (Xerais, 2003) e o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega e o CDG (2006). É Autora das biografias de Maria Mariño, Belen Feliú e Xela Arias para Album de Mulleres do web www.culturagalega.org e coautora do estudio Muller e Medios de Comunicacion. Imaxe e Protagonismo.

Creou e participou en distintos proxectos artísticos, entre eles: O Son da Pedra (1994), de Milladoiro; Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once poetas galegas (1997), da Fundación Rosalía de Catro; Son Delas, coordinado por Uxia Senlle; O outro extremo do paraíso; Lob*s (1998), con Anton Lopo; Estalactitas (2002), con Anxos Romeo e Lupe Gomez; Catro poetas suicidas. Intervención poetica contra a levidade (2002), e A voz e o poema. Os periplos de Aviles de Taramancos (2003), con Anxo Quintela. Colabora en publicacións literarias e de información xeral e ten participado en congresos e xornadas sobre temas de literatura, xénero e comunicación.

Cómpre destacar que no seu programa Diario Cultural desenvolve un importante labor de difusión da actividade cultural en Galicia. No eido das artes escénicas, dende o Diario Cultural creouse o arquivo sonoro do teatro galego con fragmentos das obras estreadas polas compañías galegas.

XIII Edición | 2009

Premio de honra