Volver

Fundación Teatro Principal de Tui

No ano 2002, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu concederlle o Premio de Honra Marisa Soto a Fundación Teatro Principal de Tui, cuxo obxectivo pasa pola salvagarda e a rehabilitación do histórico recinto. Abandonado dende os anos setenta, o Teatro Principal de Tui viviu baixo a ameaza do derrubamento nas últimas décadas. No ano 1997, elaborouse un Plan Especial do Conxunto Histórico de Tui, unha proposta integral que buscaba, ao seu xeito, abrir Tui ao río do mesmo xeito que Vigo buscaba abrirse ao mar. No citado plan, recollíase o derrubamento do vello Teatro Principal, en contra do defendido nun informe da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico. Así xurdiu a Asociación Pro-Rehabilitación do Teatro Principal que, tras unha serie de mobilizacións, conseguiu paralizar a destrución da sala. O citado colectivo serviu de xermolo para a Fundación Teatro Principal de Tui que, constituída oficialmente en xuño do ano 2000, iniciou o proceso de recadar fondos para a rehabilitación do inmoble.

As orixes do Teatro Principal de Tui remóntanse a mediados do século XIX. En 1842, a Xunta Directiva da Sociedade do Teatro de Tui, solicítalle a implicación ao Concello, que decide achegar preto de 22.000 reais. Deste xeito, o edificio principiaba a súa andaina para se converter, coas súas 450 localidades e os seus tres niveis, no cuarto teatro de Galicia máis antigo -tras os de Ourense, A Coruña e Santiago de Compostela- ideado ao estilo “á italiana”. Este tipo de formato, predominante na Europa decimonónica -caracterizado pola súa forma de ferradura e por distribuír ao público nun patio de butacas e varios anfiteatros ou niveis de palcos-, creouse en Parma a mediados do século XVII e estendeuse polo continente nos dous séculos seguintes.

O Teatro Principal de Tui acolleu en 1891 os históricos Xogos Florais que, presididos por Manuel Murguía, se converteron no primeiro acto integramente en galego celebrado no país. Na década dos vinte, o edificio foi adquirido por unha exhibidora cinematográfica e en 1961 a propiedade pasou a unha familia particular da localidade, que mantivo a actividade até 1972. Malia ser unha entidade privada, en 1984 o recinto incluíuse no Programa Nacional de Rehabilitación de Teatros Públicos e encargóuselle un proxecto de rehabilitación ao arquitecto César Portela. Aínda que se lle ofreceu a posibilidade de mercar o teatro ao Concello, ningunha corporación apostou pola súa adquisición.

A Fundación Teatro Principal de Tui, cuxa presidencia recae en José A. Quiroga, busca solucións dende a súa fundación no ano 2000 para emendar o abandono. Neste 2002, recibe o Premio de Honra Marisa Soto polo seu labor a prol da recuperación da emblemática sala.

VI Edición | 2002

Premio de honra