Volver

Maruxa Villanueva

Actriz e cantante, Maruxa Villanueva foi un dos principais referentes artísticos da Galicia emigrante máis comprometida. Nacida na Barrela en 1906, a artista marchou para a Arxentina con vinte anos. O comezo da súa andaina en Bos Aires transitou entre os mostradores de diversos comercios de confección até que despegou a súa carreira artística en diversos programas de radio, grazas aos seus contactos co pianista vasco Juan Gueresta e a cantante galega Esperanza Blanco. O seu primeiro nome artístico foi Maruja Blanco até que, instada pola súa irmá, se decantou por Maruja Villanueva. A partir de 1936, a súa carreira artística arrincou definitivamente e puido abandonar o seu traballo como dependenta. Así, Maruxa Villlanueva comezou a ser coñecida como a raíña do alalá dentro da comunidade galega en Arxentina e comezou a implicarse, durante a Guerra Civil, nas actividades a favor da República

Neses tempos convulsos, de compromiso e canto, Maruxa Villanueva coñece ao que sería co tempo o seu marido, o dramaturgo estradense Daniel Varela Buxán. O autor convidouna a cantar na súa primeira obra, titulada Se o sei… non volvo á casa, no teatro Maravillas de Bos Aires. Era 1938 e así nacía a Compañía de Teatro Aires da Terra, na que participaba Fernando Iglesias, o histórico Tacholas. Pouco despois, Varela Buxán convenceu a Maruxa Villanueva para fundar unha compañía estable que levase o seu nome: Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva. A formación levaría a escena, ademais de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao (1941), gran parte da produción de Varela Buxán.

En 1948, Maruxa Villanueva regresa a Galicia deixando atrás a amizade dos grandes nomes da emigración galega: dende Castelao até Blanco Amor, pasando por Salvador de Madariaga, Xabier Bóveda ou Ramón D. Villar. Na súa despedida, a Casa de Galicia de Bos Aires encheuse nunha cálida homenaxe. No seu regreso a Galicia, pretendeu levar a cabo unha dinamización semellante á que realizou en Bos Aires. Pero en 1958, desencantada polos atrancos , retornou a Bos Aires.

Villanueva non regresaría, xa de forma definitiva, a Galicia até 1962. Tras unha breve estadía en Ribadavia, a actriz instalouse en Santiago. Na cidade, entra en contacto co Padroado Rosalía de Castro e implícase para acadar fondos para restaurar a Casa da Matanza e convertela na Casa Museo que hoxe en día é. Villanueva, por petición do Padroado dirixido por Sixto Seco, encargouse de dirixir o centro dende 1971. A mediados dos anos setenta instalouse definitivamente en Padrón. Dende aquela época e até o seu falecemento en 1998, Maruxa Villanueva recibiu diversos recoñecementos, incluído a Medalla Castelao da Xunta de Galicia en 1991 ou o Premio de Honra Marisa Soto na terceira edición dos Premios de Teatro María Casares.

FOTO: Fundación Rosalía de Castro

III Edición | 1999

Premio de honra