Volver

Agustín Magán

Actor, director e dramaturgo, Agustín Magán representa unha peza clave na evolución histórica do teatro do país. Nacido en 1918 en Compostela, a súa forte vinculación coa escena levouno a fundar no ano 1960, xunto a un grupo de afeccionados ás artes escénicas, o Teatro de Cámara DITEA. Magán converteuse, xunto a Jesús Reboredo Rey, Manuel Valiño Segade, Luis Rodríguez Míguez ou José María Paz Sueiro, en socio fundador dunha formación chamada a dinamizar o panorama teatral amador dende a súa creación e serviu, dalgún xeito, de xerme para a posterior profesionalización do sector. Dende a fundación de Ditea até o seu falecemento en 1998, Magán encargouse da dirección do grupo.

Como dramaturgo conta cunha ampla produción, recoñecida con diversas distincións. Deste xeito, Magán recibiu galardóns como o Premio do Ateneo de Ferrol en 1978 coa peza Mesmo semellaban bruxas, o Premio Álvaro Cunqueiro de 1990 por Os rebertes, o Premo do Certame Literario Galaico-Portugués coa obra Deus Mandou S.Tiago ou unha mención especial no derradeiro Certame Abrente de 1980 co texto Alias Pedro Madruga.

A profesión teatral recoñeceu con distintas homenaxes a súa intensa labor teatral. En 1987 concedéuselle o Premio Xiria 1987 e na primeira edición dos Premios de Teatro María Casares, en 1997, recolleu o Premio de Honra Marisa Soto. Nese mesmo ano, o Concello de Santiago outorgoulle a Medalla de Prata ao Mérito Cultural.

Baixo a súa dirección, Ditea combinou nos seus primeiros anos de vida a representación de autos sacramentais na Praza da Quinta -cunha gran resposta por parte do público- con pezas de corte máis comprometido politicamente. Neste senso, cómpre destacar algunhas das súas primeiras montaxes , como son En la red, de Alfonso Sastre; Deja que los perros ladren, de Sergio Vodanovic ou La razón del poder o el dictador, de Manuel Heredia. Ao longo dos sesenta, o Ditea de Magán encargouse de camiñar por sendas máis anovadoras ao representar obras de autores como Fernando Arrabal. Naquela época, Magán impulsa dúas compañías itinerantes –La Mojiganga e La Carreta- para a difusión da súa actividade nos circuítos de festivais afeccionados de España, empregando un teatro clásico e popular.

Co décimo aniversario da súa fundación, Ditea entra nunha nova etapa na que o galego se converte na única lingua das súas representacións. Magán comeza a traer á nosa fala obras como Rosas vermellas para min, de Sean O`Casey ou O país da saudade, de W. B. Yeats. A obra que marcou verdadeiramente o punto de inflexión chegou coa A comedia da oliña, unha adaptación que Aquilino Iglesia Alvariño realizou do clásico de Plauto.

O 2 de abril de 1998, o pasamento de Magán deixa orfa a Ditea. Suspendéronse os ensaios d’A pousada de Petra Cotón, montaxe que o propio Agustín Magán dirixía e volveuse representar Terra Baixa, de Ángel Guimerá, no Auditorio Municipal de Narón.

I Edición | 1997

Premio de honra