Volver

Flor Maceiras

Flor Maceiras (A Coruña, 1964) é actriz, directora e docente teatral. Vinculada a actividade artística desde os primeiros oitenta, iniciou a súa traxectoria teatral con Manuel Lourenzo en Elsinor Teatro e asistiu a cursos de interpretación con Augusto Fernández. Dende aquela, Maceiras deixou a súa pegada artística traballando coas principais compañías da nosa escena en montaxes como Camiño das Estrelas (Elsinor Teatro, 1993), Casa de Bonecas (Teatro do Atlántico, 1995), Vapores (Espello Cóncavo, 1996), Estación Mahagonny (Teatro do Noroeste, 1997), A gaiola ou A Espada Raex (Teatro Maltés, 2001), Fobias (Lagarta Lagarta, 2004), Hamlet (R.T.A. Produccións, 2006) ou A Amarga emoción do perdido (Teatro Proscrito, 2007). Maceiras foi finalistas dos Premios María Casares en tres ocasións por Bailando en verán (Espello Cóncavo, 1997) como actriz protagonista, As Troianas (Espello Cóncavo, 1998) como actriz secundaria) e Ministros pola cara (Encuadre Produccións en 1998). Ademais desta faceta teatral, conta cunha ampla experiencia en teatro radiofónico, lecturas dramatizadas, recitáis poéticos, sonorización de documentais, publicidade e dobraxes televisivas, así como na dirección de espectáculos.

Desde 1997 compaxina a súa actividade como actriz coa docencia teatral e deseña e realiza para TEDAGA S.L. proxectos de actividades teatrais e de dinamización artístico-cultural, que contemplan actividades de formación dramática, montaxe de espectáculos, aulas e cursos de interpretación para institucións públicas e privadas, así como obradoiros de Promoción da Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, obradoiros para o Manexo de Habilidades persoais e sociais ou para o adestramento de Habilidades expresivas, dirixidos a diversos sectores docentes, nos que se utilizan ferramentas metodolóxicas e técnicas propias do Teatro e o adestramento actoral.

Na actualidade é directora da Escola de Teatro de Narón, posta en marcha polo Padroado de Cultura naronés en 1981, na que se desenvolve a formación da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores e dos Obradoiros Municipais de Teatro (actividades de dinamización teatral socio-comunitaria). A Escola de Teatro de Narón recibiu no 2012 o Premio Xiria ao Labor Teatral como recoñecemento aos seus máis de 30 anos de promoción do Teatro, outorgado pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

No ano 2013, Flor Maceiras foi galardonada co Premio Ibán Toxeiro que outorga a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda pola súa contribución ao desenvolvemento do Teatro Amador Galego e no 2017 recibiu o Premio da Crítica de Galicia en Artes Escénicas, outorgado pola Fundación Premio da Crítica de Galicia, pola súa traxectoria escénica e docente.

Neste 2020, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia concédelle o Premio Honra Marisa Soto.

XXIV Edición | 2020

Premio de honra