Volver

Rosa Álvarez

Rosa Álvarez (Carballeda de Avia, 1950) iniciou a súa implicación co teatro nos anos setenta, converténdose nunha auténtica pioneira nas artes escénicas de Galicia. O seu labor en favor da escena iniciouse así nunha época na que todo estaba por inventar. Formou parte do grupo de fundadores/as que puxeron en marcha primeiramente a Agrupación Cultural Abrente –da que chegou a ser presidenta– e, pouco despois, as primeiras Mostras de Teatro de Ribadavia. Ambos fitos son considerados, xunto ao teatro independente que agromou na Coruña a finais dos sesenta, como pasos imprescindibles para a fundación do teatro profesional en Galicia en 1978.

A súa pegada como pioneira non remata aquí, xa que tamén impulsou a creación da Sala Carral de Teatro de Vigo, da compañía Teatro do Malbarate (compañía formada integramente por actrices xunto a Mabel Rivera e Marisa Soto) ou da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), da que ostenta o número 1 de asociada e da que exerceu como presidenta entre 1994 e 1996.

Actriz e directora teatral, Rosa Álvarez conta cunha dilatada traxectoria que a levou a participar nun gran número de montaxes de compañías privadas e do Centro Dramático Galego (CDG). Ademais, realizou abondosas incursións no audiovisual, tanto no formato televisivo coma no cinematográfico.

No CDG, Álvarez ten participado nalgunhas das producións máis emblemáticas da entidade. Formou parte do elenco do Woyzeck dirixido por Xúlio Lago de 1984, montaxe fundacional da institución pública de teatro. A partir dese momento, converteuse nunha habitual nas obras desenvolvidas polo Centro. Dese xeito, participou en pezas como Os vellos non deben de namorarse (1985), O enfermo imaxinario (1986) ou As alegres casadas (1986). Ao longo dos anos noventa, continuou a súa colaboración coa institución actuando en O incerto señor don Hamlet (1991), Un soño de verán (1992), Lisístrata (1996) ou Memoria de Antígona (1998). As súas últimas interpretacións no CDG chegaron con Eu estaba na casa e agardaba que a chuvia viñese ou A boa persoa de Sezúan.

No seu labor coas compañías privadas, Rosa Álvarez -ademais de traballar con formacións como Teatro do Atlántico, Teatro Artello, Redrum ou a xa citada Mabarate- fundou xunto a Ernesto Chao a compañía Lagarta Lagarta, na que traballou de actriz e directora. En montaxes como Aeroplanos, Cásting, O segredo dos Hoffman e Unha hora na vida de Stefan Zweig exerceu como directora, mentres que nas lembradas Fobias e As últimas lúas traballou como intérprete. No cine participou en películas como Doentes (Gustavo Balza, 2010), Os mortos van ás présas (Ángel de la Cruz, 2005), De bares (Mario Iglesias, 2004), Heroína (Gerardo Herero, 2004), Trece Badaladas (Xabier Villaverde 2002) ou Entre Bateas (Jorge Coira, 2001).

A súa carreira foi distinguida con galardóns como o Premio Mestre Mateo á mellor actriz secundaria por De bares, o Premio á mellor actriz protagonista por La Buena Caligrafía nos festivais de Zaragoza, Pasaia (Ikiska-Xapón), Xerez ou Torrelavega. Nos María Casares, levou o premio á mellor actriz protagonista en dúas ocasións: por Fobias e por Compañía. Recibiu, ademais, o premio Maruxa Villanueva á traxectoria no ano 2003. Tamén recibiu o Premio Fetega en 2014 á mellor actriz por O país do pato Donald e o Premio Xociviga á traxectoria profesional.

FOTO: La Diapo

XXII Edición | 2018

Premio de honra