Volver

Rubén García

Nacido en 1951 en Ribadavia, Rubén García comezou a traballar a prol da cultura a principio dos anos setenta. Pouco tardou en unirse ao grupo de pioneiros que, por aquela época, puxo a andar a Agrupación Cultural Abrente. A entidade buscou a difusión da cultura do país dende diferentes disciplinas, destacando o seu máximo interese polo teatro. Neste senso, o grupo decidiu promover a partir de 1973 as Mostras de Teatro Galego Abrente. Así Ribadavia converteuse nun centro de referencia para o teatrp profesional incipiente. García encargouse da dirección da Mostra durante as oito edicións que se celebraron. A partir de 1984, Rubén García converteuse no director da Mostra Internacional de Teatro.

Rubén García tamén deixou a súa pegada, entre outras moitas iniciativas, na Feira das Artes Escénicas de Galicia, da que foi director en nove ocasións. García, ademais, combinou a súa actividade como responsable das mostras xa citadas coa dirección escénicas nas montaxes do grupo Teatro do Vilar, formación de afeccionados nacida en 1983 por iniciativa de Valentín Fariña.

Na gala dos XII Premios de Teatro María Casares, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia concedeulle o Premio de Honra Marisa Soto polo seu labor a prol do teatro, a súa implicación na profesionalización e o seu desempeño como impulsor e director das Mostras de Ribadavia. García aceptou o galardón como unha honra. “Se algunha vez pensei ou quixen ter un premio, era este”, asegurou daquela. O 27 de marzo de 2008 recolleu o galardón no Teatro Rosalía de Castro da Coruña entre os aplausos e o recoñecemento da profesión. Faleceu sete meses despois, o 21 de outubro, recibindo unha gran homenaxe na súa localidade natal.

XII Edición | 2008

Premio de honra