Volver

A MIT de Ribadavia presenta un programa de grandes mestres da escena internacional

>> A AAAG coorganiza xunto a MIT Ribadavia e AISGE un obradoiro con Alfredo Sanzol, no que se inscribieron máis de corenta actores, actrices, directores e directoras.

>> Suzanne Andrade, Nekrosius, Teatro de la Ciudad, Voadora e Excéntricas son os pratos fortes da programación

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presentou o pasado venres a súa programación de espectáculos para a súa 33ª edición, que se celebrará entre o 15 e o 24 de xullo. Durante eses nove días, a MIT recibirá montaxes procedentes de Reino Unido, Grecia, Alemaña, Francia, Portugal, España e Lituania, dotando o encontro dun verniz global que, en palabras do director da MIT, Roberto Pascual, “consolida Ribadavia como referente internacional”. Durante a festa de lanzamento da programación, celebrada no Castelo de Ribadavia, Pascual tamén adiantou algunhas das actividades paralelas entre as que destacou o obradoiro profesional que ofrecerá Alfredo Sanzol, grazas á colaboración de AISGE e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que no acto estivo representada polo vogal Diego Freire.

'Golem'

A Inauguración oficial da MIT celebrarase na noite do sábado 15, cando o Auditorio do Castelo acolla a representación de Golem, montaxe da compañía 1927 en coprodución co Festival de Salzburgo, o Théâtre de la Ville de París e o Young Vic Theatre de Londres. A montaxe, unha das máis aclamadas creacións da dramaturga e directora británica Suzanne Andrade, explora de forma satírica unha das grandes cuestións do mundo moderno: quen ten o control sobre as novas tecnoloxías?

Nekrosius

A partir desa apertura oficial, chegarán a Ribadavia outros grandes nomes da escena contemporánea, entre as que cómpre destacar a presenza do lituano Eimuntas Nekrosius que chegará ao Auditorio do Castelo o sábado 22 de xullo con The Hunger Artist, coa súa compañía Meno Fortas. Nekrosius toma o derradeiro conto de Kafka como punto de partida para erguer unha obra que indaga no noso inconsciente.

Teatro de La Ciudad

Outro dos pratos fortes da Mostra será a dupla presenza de Teatro de La Ciudad, xa que Alfredo Sanzol presentará pola súa banda a peza La ternura, mentres que Andrés Lima traerá Sueño, un achegamento ao texto shakespiriano d'O soño dunha noite de verán. A montaxe de Sanzol chegará ao Auditorio do Castelo o mércores 19, mentres que Lima representará a súa visión de Shakespeare a noite anterior.

Voadora, Chévere e Excéntricas

A MIT de Ribadavia tamén recibirá a dúas das montaxes galegas de gran formato que están a xirar con maior pegada nesta temporada. Deste xeito, Voadora presentará tamén un persoal achegamento a O soño dunha noite de verán, na que a fábula shakespiriano muta parar furar na identidade de xénero, na igualdade e na liberdade sexual. A peza, dirixida por Marta Pazos, representarase o venres 21 de xullo. Pola súa banda, Excéntricas protagonizará a noite do 24 a clausura do festival representando A cabeza do dragón, a primeira adaptación ao galego de Valle-Inclán, dirixida por Quico Cadaval. Será unha función moi especial, xa que en escena estará presente xunto ao elenco os músicos que conforman o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), intérpretes que gravaron a banda sonora desta produción.

Roberto Pascual e Marta Pazos durante a presentación da programación

Chévere, no seu trinta aniversario como compañía, tamén deixará a súa pegada nesta edcición da Mostra de Ribadavía. A compañía, Premio Nacional de Teatro en 2014, está a recuperar algunhas das súas producións máis lembradas neste caso de conmemoración. É o caso de Annus horribilis, musical que recalará en Ribadavia o domingo 16 de xullo.

A presenza galega en Ribadavia tamén inclúe o espectáculo Son, de Nova Galega de Danza, e de diferentes funcións dentro do Programa SputMIT, no que participarán Os monicreques de Kukas, coa montaxe Xan Perillán compra queixo, compra pan; Caramuxo, co espectáculo Feo!, ou Tanxarina, con A galiña azul.

Ademais, o Auditorio do Castelo acollerá o xoves 20 a representación de Conto de inverno, achegamento a outra obra de Shakespeare nunha coprodución da propia MIT con Teatro Oficina, CCVG, CDG e Teatro Aveirense.

Podedes consultar o programa completo na páxina web da MIT de Ribadavia.