Obradoiro de creación escénica con Ibuprofeno Teatro

En colaboración coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e co patrocinio da Fundación AISGE presentamos este taller de 15 horas, que terá lugar do 22 ao 24 de xullo dentro da programación da MIT.

Introdución, por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro)

O que propoñemos neste obradoiro é mostrar e reproducir a pequena escala o método de creación que nós fomos desenvolvendo a partir das nosas experiencias. A dinámica básica consiste en emprender un proceso de investigación e descubrimento a partir dun tema e un espazo concretos. Mediante o xogo e as improvisacións individuais e colectivas, deseñadas a partir da documentación acadada en torno ao significado que ten o espazo na comunidade na que se inscribe, trataremos de xerar contido escénico, non tanto para acadar un resultado óptimo para a representación, senón co obxectivo de experimentar o goce e a vertixe de crear teatro con liberdade.

Esta forma de traballar parte da premisa de que os actores e actrices son @s verdadeir@s creador@s. Deixan de ser “intérpretes” de textos e ideas alleas para situárense no verdadeiro lugar que lles corresponde: o centro do feito teatral. Son el@s quen xeran o texto, as súas propias réplicas (diálogos e monólogos) e as súas accións, a partir do material emotivo e imaxinativo que cada un/ha pode achegar por si mesmo e na interacción en grupo. A figura dos directores pasa a ser a de coordinadores do proceso.

Ibuprofeno Teatro

Santiago Cortegoso e Marián Bañobre fundan Ibuprofeno Teatro en 2010 para levar adiante proxectos de xeito independente.

Afrontan a creación dende a procura dunha linguaxe persoal para falar dos temas clave que afectan ao ser humano contemporáneo. Os seus personaxes buscan a identidade propia nun contexto global e complexo que non poden controlar. Perseguen o rigor na dramaturxia e integran a escrita dramática no proceso de creación e posta en escena. O humor absurdo e sarcástico para tratar temas con trasfondo social e político é o seu sinal de identidade.

Despois de catro montaxes de pequeno formato ('A filla de Woody Allen', 'Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios', 'Fitness' e 'O Furancho'), dan o salto asumindo producións de maior envergadura con ‘Raclette’ e 'Casa O'Rei'. Ademais da produción de obras teatrais organizan actividades de promoción cultural e imparten obradoiros de creación escénica, clown e escrita dramática.

Datas e duración:

Do luns 22 ao mércores 24 de xullo de 2019, de 10h a 15h. 15 horas.

Lugar:

Auditorio Manuel María da Casa da Cultura de Ribadavia. Rúa Redondela s/n 32400, Ribadavia MAPA

Prazas e selección do alumnado:

Este obradoiro ten 12 prazas. A admisión no obradoiro farase por orde de inscrición.

Prezo:

Socixs AAAG e /ou AISGE: 60 euros

Se levas no paro 6 meses ou traballaches 10 días ou menos nese tempo, o prezo é de 35 euros. Terás que presentar a tarxeta do paro selada ou copia da vida laboral para accederes a este desconto, exclusivo para socixs da AAAG.

Non socixs: 90 euros

Inscrición:

Desde o 1 de xullo ata o 8 de xullo ás 15h. a través do formulario que figura na parte superior desta páxina.

Se es socix da AAAG, só tes que iniciar a túa sesión na páxina e premer “inscribirme” no formulario. O obradoiro aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo privado.

Reserva praza e forma de pago

Comunicarase a listaxe de admisión o 12 de xullo. De haber máis solicitudes que prazas constituirase unha lista de espera.

Na mesma comunicación de admisión indicarase a forma e datas de pagamento. No caso de que algunha das persoas admitidas non o efectúe nas datas indicadas, a súa praza será adxudicada á seguinte persoa na lista.

De non acadar solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do obradoiro.